A Xunta gaba o “orgullo” que representan os tres docentes premiados polo seu traballo STEM no rural

O conselleiro Román Rodríguez trasládalles persoalmente os parabéns a Lorena Cerdeira, Fina Paulos e Óscar Rey, docentes que desenvolven o seu labor en Zas

Os tres veñen de alzarse cos premios estatais grazas a propostas derivadas de programas da Xunta para impulsar a competencia dixital entre o alumnado

Zas (A Coruña), 9 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe o “orgullo” que representan os docentes Lorena Cerdeira, Fina Paulos e Óscar Rey no seu labor diario como “máximos expoñentes da profesionalidade ao servizo da calidade do sistema educativo galego, nomeadamente no rural e nun ámbito tan sensible como as novas tecnoloxías”.

Con motivo dunha visita ao Concello de Zas, onde os tres desenvolven o seu traballo docente, o titular de Educación trasladoulles persoalmente os parabéns en nome da Xunta e do conxunto da comunidade escolar tras seren galardoados cos I Premios Nacionais a Experiencias Educativas que fomentan no alumnado as competencias dixitais e STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas, polas súas siglas en inglés).

Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, destacou que o feito de que ensino galego se sitúe á cabeza en resultados en ciencias ou equidade e igualdade de oportunidades, tal e como avalan informes comparativos a nivel internacional e estatal, “non é froito da casualidade”, senón “do esforzo, implicación e bo facer” que desenvolve o profesorado no día a día nas aulas e que do cal “Lorena, Fina e Óscar son un faro no que mirarnos”.

I Premios Nacionais

Estes galardóns distinguiron recentemente os proxectos Clics seguros en Zas, coordinado por Lorena Cerdeira do Centro Público Integrado de Zas, e Miño en xogo, autoría dos docentes Fina Paulos e Óscar Rey do Instituto Maximino Romero de Lema.

As iniciativas foron galardoadas co primeiro premio na categoría de elaboración de recursos educativos abertos para alumnado de ESO, unha delas na modalidade individual e outra na de grupo, que organiza o Ministerio de Educación, FP e Deportes. Ambas derívanse de diversos programas postos en marcha pola Xunta para favorecer a competencia dixital entre os estudantes, en concreto do proxecto cREAgal, a plataforma de contidos educativos en aberto que impulsa a Consellería, e dos Polos Creativos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/01/2026