A Xunta impulsa a elección profesional libre de prexuízos de xénero cunha nova edición do programa ‘Que non te líen, ti elixes’ en centros de secundaria

Está destinada aos centros educativos galegos sostidos con fondos públicos, que poden solicitar ata o 5 de febreiro participar nesta convocatoria para que o seu alumnado de 3º e 4º da ESO reciba charlas no segundo e terceiro trimestre deste curso

O fin desta iniciativa, impulsada polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, é seguir avanzando na presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados

Como novidade, neste curso introducíronse contidos relacionados coa presenza de homes en profesións consideradas tradicionalmente feminizadas, co obxectivo de rachar cos prexuízos ou estereotipos de xénero nas diferentes profesións

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia convocou recentemente  unha nova edición do programa Que non te líen, ti elixes, na que ata o 5 de febreiro —día incluído— os centros educativos galegos sostidos con fondos públicos poden solicitar que o seu alumnado de 3º e 4º da ESO reciba charlas durante o segundo e terceiro trimestre do curso 2025-2026 a prol de que as mulleres escollan profesión atendendo ás súas capacidades ou motivacións persoais, sen deixarse limitar por prexuízos ou estereotipos de xénero.

A finalidade desta iniciativa, impulsada polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional é seguir avanzando na presenza de mulleres en sectores como a automoción, o forestal, a construción, o marítimo-pesqueiro ou as TIC, contribuíndo a unha sociedade máis xusta e equitativa.

Deste xeito, nesta nova edición do Que non te líen, ti elixes, as charlas didácticas e debates promovidos nos centros seguirán estando dirixidos por persoal de asociacións, fundacións e clústeres de sectores con escasa representatividade feminina, que porán sobre a mesa cuestións como as condicións laborais dos diferentes ámbitos profesionais, que constatan maiores salarios para os empregos que adoitan estar ocupados por homes. Tamén porán en valor mulleres referentes de éxito en ámbitos profesionais con reducida presenza feminina, para que poidan servir de exemplo ás novas xeracións.

Ademais, neste curso introducíronse como novidade nas actividades desta iniciativa contidos relacionados coa presenza de homes en profesións consideradas tradicionalmente feminizadas, co obxectivo de rachar cos prexuízos ou estereotipos de xénero nas diferentes profesións.

Convocatoria anterior

Co lanzamento desta nova edición, o Goberno galego busca consolidar e reforzar os datos obtidos ata o momento, que continúan en crecemento, demostrando o interese que suscita o programa. Así, na anterior convocatoria deste curso acolleron charlas un total de 91 centros de secundaria de toda a Comunidade.

Data de actualización: 21/01/2026