Medio Rural reforzará a promoción dos produtos agroalimentarios galegos con selo de calidade
A conselleira María José Gómez asistiu hoxe a unha demostración de cociña con produtos das IXP Ternera Gallega e Vaca Gallega – Buey Gallego organizada no marco de Madrid Fusión
Aproveitou a ocasión para trasladar o seu apoio ao sector agroalimentario, especialmente o da carne de vacún con indicativo de calidade, con quen mañá se manterá unha reunión de traballo, e lembrou o paquete de medidas elevado onte ao Consello da Xunta para protexer e impulsar ao sector diante do acordo UE-Mercosur
Explicou que unha destas medidas é, precisamente, ampliar a estratexia de promoción dos produtos galegos, de cadea de distribución curta e de proximidade, así como a posta en marcha dun Observatorio de Prezos para facer un seguimento continuo
Neste 2026, a Consellería xa incrementou o Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia ata os 10 millóns, dous máis que en 2025, co fin de difundir estes produtos
Madrid, 27 de xaneiro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe a Madrid Fusión, un dos congresos gastronómicos máis importantes a nivel internacional, e no que aproveitou para reafirmar o compromiso da Xunta de Galicia co reforzo á promoción dos produtos agroalimentarios galegos amparados baixo os diferentes selos de calidade.
Gómez sinalou que este tipo de certames actúan como escaparates dende os que poder amosarlle aos profesionais do sector gastronómico, e á sociedade en xeral, o potencial que ten a nosa comunidade neste ámbito. A conselleira lembrou que, precisamente, unha das accións incluídas no paquete de medidas elevado onte a Consello da Xunta diante do acordo UE-Mercosur é reforzar esa promoción dos produtos galegos, de cadea de distribución curta e de proximidade, a través de apoio ao sector produtor ou mediante a realización de feiras e actos, especialmente daqueles con indicativo de calidade.
Así o remarcou no marco do desenvolvemento este mediodía dunha das demostracións de cociña incluídas no programa de actividades deseñado pola Consellería para este evento dentro do espazo conxunto que Medio Rural e Mar configuraron para difundir o potencial gastronómico de Galicia. En concreto, neste showcooking empregáronse produtos das Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) Ternera Gallega e Vaca Gallega – Buey Gallego acompañadas con viños das Denominacións de Orixe (DO) Ribeiro e Ribeira Sacra, a cargo do chef Héctor López e do sumiller Paco López. “Ternera Gallega é un destes expoñentes desa Galicia calidade que potenciamos desde a Xunta de Galicia e queremos poñer de manifesto o noso apoio a este produto”, manifestou.
Apoio ao sector agrogandeiro
Gómez aproveitou por tanto esta oportunidade para trasladar o seu apoio ao sector agroalimentario, especialmente o da carne de vacún, protagonista desta actividade, e amosou a súa total comprensión ante as inquedanzas dos agricultores e gandeiros galegos ante este novo escenario que se abre de comercio internacional. Asegurou que “ninguén pode dubidar” do compromiso da Xunta co sector primario e que se seguirá traballando conxuntamente co sector para afrontar os novos retos. De feito, mañá mesmo manterase unha xuntanza con representantes destas Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) Ternera Gallega e Vaca Gallega – Buey Gallego.
A maiores dun reforzo na estratexia de promoción, o paquete de medidas elevado a Consello tamén inclúe, entre outras accións, a posta en marcha do Observatorio de Prezos para facer un seguimento continuo, un plan de control específico na comunidade sobre os produtos importados ou a defensa ante o Ministerio de Agricultura, para que o eleve á Unión Europea, de que se inclúan máis DO e IXP protexidas no acordo, pois Galicia só ten dúas cando é a terceira comunidade de España con máis distintivos de calidade. Tamén se lle solicita ao Ministerio incrementar os controis de fronteira.
Presenza galega en Madrid Fusión
Nesta vixésimo cuarta edición de Madrid Fusión, a Consellería do Medio Rural está presente xunto con 19 empresas expositoras que amosan a variedade de producións galegas que contan con algún distintivo de calidade diferenciada. Os operadores presentes nesta feira elaboran viño, derivados cárnicos e lácteos, conservas ecolóxicas e produtos de panadaría e repostaría, entre outros, toda unha mostra da Galicia Calidade que defende o Goberno autonómico.
Este tipo de eventos teñen consecuencias positivas porque permiten que os produtos agroalimentarios galegos cheguen a perfís profesionais do ámbito internacional, favorecendo a súa comercialización fóra das nosas fronteiras e contribuíndo a seguir mellorando, dun xeito transversal, o futuro do medio rural. Estas iniciativas enmárcanse no Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, que este ano incrementou o orzamento ata os 10 millóns, dous máis que en 2025.