Ángeles Vázquez celebra a aprobación da Lei do clima que consolida Galicia como referente na loita contra o quecemento global

Indica que esta nova norma contribuirá a que a Comunidade sexa neutra en emisións dez anos antes do que propón a Unión Europea

A nova norma sitúa o clima como eixo transversal das políticas públicas galegas e, como tal, deberá integrarse na toma de decisións naquelas áreas que poidan ter algún tipo de impacto

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, celebrou hoxe a aprobación por parte do Parlamento da primeira Lei do clima de Galicia, que consolidará a Comunidade  como referente para afrontar o reto do quecemento global.

Segundo dixo hoxe a conselleira, esta nova norma, ademais de dotar de seguridade xurídica á loita contra o cambio climático, contribuirá a que a Comunidade sexa neutra en emisións en 2040, dez anos antes do obxectivo proposto pola Unión Europea.

A maiores Ángeles Vázquez puxo en valor que este texto lexislativo establece os mecanismos necesarios para afrontar eventos meteorolóxicos adversos, como os que está a sufrir Galicia nos últimos días, xa que mellorará a súa prevención e facilitará  tanto a xestión das súas consecuencias como a adecuada prestación de servizos á cidadanía nesas situacións.

Esta nova lei sitúa o clima como eixo transversal das políticas públicas galegas e, como tal, deberá integrarse na toma de decisións naquelas áreas que poidan ter algún tipo de impacto (infraestruturas, transportes, saúde, industria, xestión hidrolóxica, etc.). Así, a Xunta e o sector público autonómico deberán introducir a perspectiva climática, tanto desde o punto de vista da redución de emisións como da adaptación aos efectos do quecemento global, na elaboración dos plans e programas sectoriais, na preparación de contratos públicos cando o seu obxecto o permita e nas convocatorias de subvencións que teñan un impacto nos obxectivos de neutralidade climática de Galicia.

Ademais, contribuirá á gobernanza climática, regulará as proxeccións para proporcionar unha información específica para Galicia -fácil e sinxela, feita por e para a comunidade-, impulsará a sensibilización, educación e investigación e reforzará os servizos meteorolóxicos e de calidade do aire. 

Data de actualización: 28/01/2026