O Servizo Galego de Saúde publica o nomeamento das profesionais seleccionadas nas categorías de técnica superior en dietética e técnica superior en imaxe para o diagnóstico
O Diario Oficial de Galicia recolle a adxudicación de destino definitivo, como persoal estatutario fixo, de profesionais seleccionadas por concurso de méritos
Cóbrese unha vacante de técnica superior en dietética no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e outra de técnica superior en imaxe para o diagnóstico no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2026.
O Servizo Galego de Saúde publica hoxe, no Diario Oficial de Galicia, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo das profesionais no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso nas categorías de técnico/a superior en dietética e técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico.
Este é o segundo proceso de adxudicación de destino definitivo na categoría de técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico e o terceiro na categoría de técnico/a superior en dietética, tras resultar prazas vacantes ao finalizar o prazo de toma de posesión dos aspirantes nomeados previamente.
A resolución deste segundo e terceiro proceso de adxudicación de destino suporá a cobertura dunha vacante de técnica superior en imaxe para o diagnóstico no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e outra de técnica superior en dietética no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.
As aspirantes nomeadas disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. Polo tanto, o prazo de toma de posesión remata o 2 de marzo de 2026.
As aspirantes poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas con este proceso ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación nin recurso.