A Xunta convocará o 5 de febreiro as axudas para mellorar os camiños rurais dos concellos
María José Gómez visitou esta mañá actuacións en execución de arranxo destas vías no concello de Baralla, correspondentes á convocatoria de 2025, na que este municipio recibiu unha axuda de case 83.000 euros ao abeiro deste plan
Medio Rural destina no período 2026-2027 preto de 19 M€ a unhas achegas que dende 2016 permitiron actuar nuns 6.700 camiños, cunha lonxitude total de arredor de 5.200 quilómetros e cun investimento conxunto que se aproximou aos 156 millóns de euros
Baralla (Lugo), 30 de xaneiro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, avanzou hoxe que en apenas seis días, o vindeiro 5 de febreiro, publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria das axudas aos concellos dentro do Plan Camiña Rural, de mellora das vías municipais. Será por importe de preto de 19 millóns de euros e os concellos terán un mes para presentar as súas solicitudes.
A conselleira, acompañada polo alcalde de Baralla, Miguel González, visitou esta mañá actuacións en execución de arranxo de camiños neste concello lucense, correspondentes á convocatoria de 2025, na que o municipio recibiu unha axuda de case 83.000 euros ao abeiro deste plan. Desde 2016, Baralla beneficiouse dunha achega total da Xunta de máis de 600.000 euros para a mellora destas vías.
Neste contexto, María José Gómez reafirmou o compromiso do Goberno galego coa mellora constante das infraestruturas rurais e máis concretamente das vías “que vertebran o territorio e que son claves na súa dinamización social e económica”. Así, puxo en valor o apoio da Xunta aos concellos galegos nesta materia, que se plasma nunha achega total, desde 2016, de preto de 156 millóns de euros, cos que se actuou en case 6.700 camiños, cunha lonxitude total de arredor de 5.200 quilómetros.
A conselleira salientou que o Camiña Rural é un plan que beneficia todos os concellos galegos, con subvencións para a ampliación ou mellora dos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou a varias entidades de poboación.
As intervencións poden ser de ampliación ou mellora. No primeiro caso, trátase de actuacións que incidan na mellora da seguridade viaria ou que permitan o cruce de vehículos ou alargamentos necesarios en zonas de curvas, de baixa visibilidade ou entroncamentos. Os labores de mellora refírense ao reforzo do firme existente, mellora da drenaxe, da seguridade viaria, adecuación de obras de paso de cursos fluviais e reforzo de cunetas, así como a integración ambiental ou a mellora da sinalización, entre outros.
Os fondos do plan asígnanse para todos os municipios partindo dunha cantidade fixa e mínima de 24.550 euros, que se modula despois empregando diferentes criterios obxectivos: localización, despoboamento, superficie do concello etc.