A Xunta contratará este ano máis de 175 novos investigadores predoutorais e posdoutorais cun investimento de máis de 32 M€

Abre o prazo ata o 27 de febreiro de tres convocatorias científicas que elevan a case 500 as bolsas deste tipo cun investimento en marcha de preto de 136 M€

A Consellería de Ciencia apoiará a actividade investigadora de 102 predoutorais e 73 posdoutorais para que poidan desenvolver a súa carreira na I+G+i galega

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia vén de convocar  axudas para contratos predoutorais e posdoutorais (tanto de nova incorporación como de continuidade) cun investimento de máis de 32 M€. Con esta nova aposta pola I+G+i, amplíase o volume de investigadores apoiados grazas a esta liña autonómica ata case 500 investigadores, elevando o investimento en marcha a preto de 136 M€.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP terá aberto ata o 27 de febreiro o prazo para solicitar estas bolsas que permiten que os investigadores comecen a súa carreira con dez años de estabilidade: catro de predoutoral e seis de posdoutoral.

Deste xeito, dáse certezas ao seu labor e refórzase a súa formación para adquirir as habilidades propias dun científico e a oportunidade de establecer unha liña de investigación na procura de que no futuro poidan consolidar a súa traxectoria.

102 predoutorais

A convocatoria de contratos predoutorais permitirá que 102 novos investigadores inicien durante catro anos o seu traballo en varias tipoloxías de centros: nas universidades públicas galegas, nos organismos públicos de investigación, nas fundacións públicas de investigación sanitaria e nos centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) que teñen a súa sede nosa Comunidade. Cun investimento de 12,3 M€.

Trátase de contratos, que inclúen estadías de tres meses no estranxeiro, e cuxos importes van aumentando progresivamente. O importe máximo da primeira e segunda anualidade é de 24.600 euros anuais, para o terceiro ano é de 25.200 euros e de 30.600 no cuarto. Esta convocatoria tamén conta cun período de orientación posdoutoral, o que está dotado cun importe máximo de 31.500 euros anuais. Dito período está dirixido ás persoas que lean a tese antes de finalizar o tempo máximo do contrato. A maiores, existe un complemento de estadía no estranxeiro que pode acadar os 6.000 euros en función da zona de destino.

73 posdoutorais

No caso das axudas posdoutorais de nova incorporación, de seis anos de duración, destínanse case 16,5 M€ para 49 contratos, que teñen como obxectivo principal continuar formando aos xa doutorados e que vaian afianzándose no sistema de I+D+i galego.

Durante os primeiros tres anos do contrato, os beneficiarios recibirán un máximo de 32.800 euros ao ano. A maiores, percibirán un complemento por cada mes de estadía no estranxeiro segundo a zona de destino. Durante os tres seguintes anos, tras superar a avaliación intermedia, poderán achegar a obter 51.900 euros anuais, incluídos os complementos para o establecemento dunha liña propia de investigación.

No que atinxe as axudas para rematar a etapa posdoutoral, o Goberno galego convoca 24 contratos de continuidade cun orzamento de 3,7 M€. Con esta convocatoria, complétase a formación dos investigadores que aínda continúan no modelo antigo de posdoutorais, que antes tiña unha duración de cinco anos, dividido en dúas fases de tres e dous anos, e cuxos contratos poden así estenderse a un total de seis anos en igualdade de condicións co novo modelo. O importe máximo dos contratos será de 50.950 euros.

Apoio á investigación con 64 M€

Estas tres liñas de axudas forman parte dun primeiro paquete de axudas da Xunta para investigadores neste 2026 que conta con cinco convocatorias cun investimento de 64 M€: apoio a contratos predoutorais (dúas liñas), posdoutorais (dúas liñas) e apoio a grupos de investigación. De feito, esta última mantén ata o 19 de febreiro o prazo de solicitude aberto, cun investimento de 29 M€. Actualmente hai en activo 448 grupos de investigación, o que supón o máximo histórico. Con estas liñas de axuda plurianuais, a Xunta reforza a aposta de Galicia pola I+G+i e eleva o investimento en vigor a 313 M€.

Data de actualización: 31/01/2026