Medio Rural salienta a calidade e singularidade dos viños galegos na Barcelona Wine Week
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou hoxe na inauguración deste evento, un dos máis destacados do mundo da enoloxía no ámbito internacional
A Consellería xestiona este ano un espazo propio coa presenza de algo máis de medio cento de industrias relacionadas coa elaboración de viños, licores e augardentes
En total participan 23 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas, oito de Ribeiro, dez de Ribeira Sacra e tres de Valdeorras
Martín Alemparte destacou que a participación neste tipo de eventos é fundamental para dar a coñecer os produtos agroalimentarios galegos entre perfís internacionais, e favorecen a súa comercialización fóra das nosas fronteiras
Barcelona, 2 de febreiro de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe á inauguración da Barcelona Wine Week, un dos eventos máis destacados do mundo da enoloxía no ámbito internacional, onde salientou a calidade e a singularidade dos viños galegos, características estreitamente vencelladas coas variedades autóctonas.
A Consellería do Medio Rural coordina este ano un espazo coa presenza de algo máis de medio cento de industrias galegas relacionadas coa elaboración de viños, licores e augardentes. As adegas están agrupadas por denominacións de orixe. En total, participan 23 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas, oito de Ribeiro, dez de Ribeira Sacra e tres de Valdeorras. Haberá tamén un posto con cinco adegas de múltiples DO e outra da Indicación Xeográfica Protexida Val do Miño-Ourense; así como túneles do viño coa presenza de todas as DO galegas. Haberá tamén dúas representacións de empresas elaboradoras dos produtos das IIXX de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.
Alemparte destacou que a participación da Consellería neste tipo de eventos é fundamental para dar a coñecer os produtos agroalimentarios galegos entre perfís internacionais, e favorecen a súa comercialización fóra das nosas fronteiras. Este tipo de iniciativas enmárcanse dentro do Plan Saborea Calidade Diferenciada, que neste 2026 conta cun orzamento de 10 millóns de euros, dous máis que en 2025, que permitirá seguir impulsando a promoción dos produtos agroalimentarios galegos.
Barcelona Wine Week
A Barecelona Wine Week está configurada como un dos grandes escaparates do viño español de calidade. Nesta edición de 2026 participan máis de 1.300 adegas de toda España, un 16 % máis que en 2025, nun salón con preto de 10.000 metros cadrados.