A Xunta reafirma o seu apoio á produción de pataca e á mellora das infraestruturas rurais de Coristanco
A conselleira do Medio Rural recibiu ao alcalde desta localidade, para reforzar a colaboración a prol deste cultivo
Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse hoxe co alcalde de Coristanco, Juan Carlos García. No encontro avanzouse na colaboración a prol do desenvolvemento do agro neste concello en xeral e máis concretamente no fomento de todo o relacionado co cultivo da pataca.
Desta forma, púxose en valor a cooperación para impulsar esta produción, na que Coristanco ocupa un lugar destacado dentro de Galicia, así como de eventos como a Festa da Pataca, en cuxa organización vén colaborando a Consellería e que este ano acadará a súa edición número 43.
Ademais, abordáronse asuntos relacionados coa posta en valor de infraestruturas agrarias. Cómpre lembrar, neste sentido, que Coristanco beneficiouse dunha axuda de Medio Rural por importe de preto de 337.000 euros nos últimos cinco anos para a mellora dos seus camiños municipais, dentro dos plans da Xunta para esta finalidade.