A conselleira María José Gómez realizou unha visita na mañá de hoxe á SAT Os Penedos, no concello da Pastoriza
Medio Rural publicará no primeiro trimestre deste ano unha nova convocatoria para favorecer a remuda xeracional cun orzamento de 53 M€
Gómez explicou que estes fondos beneficiarán non só aos mozos que presenten unha nova solicitude, senón tamén a aqueles que a pediran o ano pasado e que, debido á alta demanda rexistrada, se integran agora nesta convocatoria
Os mozos que presentaran a súa solicitude no 2025 non terán que volver a rexistrala e garántenselles as mesmas condicións que cando a presentaron
A conselleira avanzou que mañá mesmo se publicará no Diario Oficial de Galicia unha das resolucións da convocatoria de 2025, concretamente a destinada a financiar os plans de mellora dos mozos beneficiarios da convocatoria de incorporación do ano 2024, que se puxo en marcha para garantir a viabilidade de todos os proxectos
Incidiu en que por parte do Goberno autonómico se seguirá a apoiar ás persoas que se incorporen á actividade agraria, tanto a través desta partida orzamentaria como doutras iniciativas que conforman un completo Plan de remuda para o sector
A Pastoriza (Lugo), 4 de febreiro de 2026
A Consellería do Medio Rural publicará no primeiro trimestre deste ano unha nova convocatoria para favorecer a remuda xeracional, dotada cun orzamento de 53 millóns de euros. Destes fondos, 23 millóns son para apoiar a incorporación de mozos e os 30 millóns restantes para os plans de mellora asociados a esta incorporación. Así o anunciou hoxe a titular deste departamento, María José Gómez, nunha visita á SAT Os Penedos, no concello da Pastoriza, e beneficiaria destas axudas en convocatorias anteriores.
No percorrido pola explotación, no que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, explicou que no ano 2025 se recibiron numerosas solicitudes para estas achegas, en concreto máis de 460 en conxunto con ambas actuacións. Neste contexto, e co fin de dar resposta a esta alta demanda e favorecer a incorporación dun maior número de mozos, lánzase esta ampla convocatoria co fin último de impulsar a remuda xeracional. Polo tanto, estas achegas beneficiarán non só a novos solicitantes, senón tamén aqueles que a pediran no 2025.
Os mozos que xa presentaran a súa solicitude non terán que volver a rexistrala e criterios como os prazos dos investimentos ou a idade máxima permitida -41 anos- contarán desde a data de presentación do ano pasado. É dicir, garántense as mesmas condicións que cando presentaron a solicitude.
Resolución dos plans de mellora pendentes
María José Gómez afirmou que estas convocatorias, “tan importantes para o noso sector”, poñen de manifesto a aposta do Goberno autonómico pola remuda xeracional e pola sustentabilidade do agro galego para asegurar o futuro do sector. Lembrou así que algo máis de 5.000 mozos e mozas se incorporaron á actividade agraria ao abeiro desta convocatoria dende o ano 2009.
Seguindo esta liña, avanzou que mañá mesmo se publicará no Diario Oficial de Galicia unha das resolucións da convocatoria de 2025 destinada a financiar os plans de mellora dos mozos beneficiarios da convocatoria de incorporación do ano 2024 que, ese ano, se quedaran sen ese financiamento. En total, son 65 beneficiarios que recibirán unha achega conxunta de arredor de cinco millóns de euros, o que supón 76.000 euros por explotación de media e lles garante, en resumo, a viabilidade do seu proxecto.
Outras iniciativas para impulsar a remuda xeracional
Neste sentido, incidiu en que por parte do Goberno autonómico se seguirá a apoiar ás persoas que se incorporen á actividade agraria, tanto a través desta partida orzamentaria como doutras iniciativas que conforman “un completo” Plan de remuda para o sector. Un exemplo desta estratexia é o Banco de explotacións, que favorece o contacto de titulares interesados en cesar a súa actividade con persoas que queiran asumir a xestión dunha explotación, ben sexa a través de compra ou arrendamento. Este proceso fomentarase este ano cunha liña de axudas específica de 2,1 millóns de euros ata 2029.
María José Gómez fixo tamén referencia ao programa de titorización e asesoramento, que dende a súa posta en marcha no 2024 beneficiou a un total de 544 persoas solicitantes da axuda a incorporación. Estes mozos e mozas foron acompañados por 48 titores, profesionais das oficinas rurais dependentes da Xunta. A iniciativa terá continuidade este ano e duplica o seu orzamento ata chegar aos 850.000 euros.
Instrumento financeiro
Cómpre resaltar tamén que, a maiores destes apoios, a Consellería do Medio Rural mantén aberto o instrumento financeiro para dotar de liquidez ao sector agrario. Esta ferramenta conta cun orzamento total de 6 millóns de euros, unha contía que permitirá financiar préstamos por un volume potencial de case 60 millóns de euros.
Este é un mecanismo que pon a disposición do destinatario final a garantía para subscribir préstamos en condicións vantaxosas de financiamento, facilitando o acceso ao crédito de proxectos financeiramente viables, e deseñado para optimizar a administración e distribución dos fondos destinados á agricultura e ao desenvolvemento rural.
Habilítase este instrumento para as intervencións vencelladas aos investimentos produtivos en explotacións agrarias vinculadas a contribuír á mitigación-adaptación ao cambio climático e ao uso eficiente dos recursos naturais e benestar animal. Por outra parte, a ferramenta está tamén concibida para os investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións agrarias.