Medio Rural destina case 965.000 euros para que alumnos e alumnas dos centros educativos galegos consuman froita, castañas e leite nos recreos

A Consellería publica hoxe no Diario Oficial de Galicia estas axudas para fomentar o consumo destes produtos entre o alumnado de infantil, primaria e secundaria, incluída a obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional de grao medio

Os centros teñen de prazo ata o 30 de setembro para presentar a súa solicitude e haberá dous períodos de repartición autorizados, de novembro de 2026 a febreiro de 2027 e de marzo a xuño do vindeiro ano

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2026

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das axudas para a subministración de froita, castañas e leite nos centros educativos que así o soliciten para o curso 2026/27, cun orzamento de case 950.000 euros. A través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), responsable da xestión destas achegas, investiranse preto de 620.000 euros para o programa de froita e máis de 345.000 para o de leite, cofinanciados co Fondo Europeo de Garantía Agraria (Feaga).

Con estas axudas, a Consellería busca fomentar o consumo destes produtos durante a etapa de formación dos hábitos alimentarios; conseguir que a cativada coñeza máis e degusten estes produtos, co fin de que integren estes alimentos na súa dieta dunha forma natural; ou incorporar a froita como alternativa a outros produtos consumidos no recreo, entre outros.

Os centros educativos que queiran participar terán de prazo ata o 30 de setembro para presentar a súa solicitude. Os destinatarios finais desta liña de axudas é o alumnado de educación infantil de segundo ciclo, de primaria e de secundaria -incluída educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional de grao medio-. En total, máis de 80.000 alumnos e alumnas poderanse beneficiar destas achegas.

Haberá dous períodos de repartición autorizados, de novembro de 2026 a febreiro de 2027 e de marzo a xuño do vindeiro ano. En cada período, a distribución de froitas frescas e castañas levarase a cabo durante 10 días lectivos consecutivos, mentres no caso do leite líquido terá lugar durante un mínimo de 10 días lectivos seguidos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/07/2026