A Xunta anima a solicitar os novos incentivos á contratación, os apoios ás iniciativas de base tecnolóxica e as axudas do programa Investigo

Hoxe arranca o prazo de solicitude do programa Galicia Suma Talento: Emprégate (19,7 M€), que coordina os incentivos á contratación e os programas formativos para facilitar a empregabilidade das persoas con maiores dificultades de inserción laboral

Tamén desde hoxe poden solicitarse as axudas de apoio ás Iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cunha dotación orzamentaria de 500.000 euros, que inclúen achegas para a contratación indefinida, o inicio da actividade ou a conciliación

Mentres, desde mañá está aberto o prazo de solicitude do novo Programa Investigo (máis de 4,8 M€), co gallo de apoiar a contratación indefinida a tempo completo de persoas menores de 30 anos na investigación, na tecnoloxía e na innovación

O prazo de solicitude das tres ordes estará aberto deica o 30 de setembro deste ano

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia informa da apertura do prazo de solicitude de tres convocatorias de axuda da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Así, por unha banda, desde hoxe poden solicitarse os apoios á contratación do programa Galicia Suma Talento: Emprégate (19,7 M€), cun novo enfoque a prol das persoas desempregadas con maiores dificultades de inserción laboral enmarcado na renovación integral das políticas activas de emprego. Tamén hoxe abre o prazo de solicitude da nova convocatoria de apoio ás Iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cunha dotación orzamentaria de 500.000 euros, que inclúe achegas para a contratación indefinida, para o inicio e posta en marcha da actividade, para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar e para a función xerencial.

Mentres, desde mañá poden solicitarse as axudas da nova edición do Programa Investigo, con máis de 4,8 M€ para apoiar a contratación de menores de 30 anos nos ámbitos da investigación, da tecnoloxía e da innovación.  

Galicia Suma Talento: Emprégate

Primeiramente, este programa inclúe incentivos pioneiros para a contratación indefinida daquelas persoas desempregadas que nos últimos dous anos remataran accións de AFD, obradoiros de emprego, programas integrados de emprego —aos que se destinarán  1,5 M€— ou un contrato formativo ao abeiro das axudas de 1ª experiencia profesional —cun orzamento neste caso de 1 M€—. Ademais, por primeira vez nunha iniciativa deste tipo, a axuda ao centro de traballo pode aumentar un 25 % se a persoa a contratar superou os estudos vinculados ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) nos dous anos previos.

Outra das novidades radica en optimizar a inserción das mulleres con máis dificultades de acceso ao mercado laboral. Neste sentido, poténcianse as axudas para a contratación de mulleres vítimas da violencia de xénero e da trata de seres humanos ou con fillos/as menores de 3 anos desempregadas por terse dedicado ao coidado. Deste xeito, a achega por muller contratada chegará aos 10.000 euros.

Con esta convocatoria, prevese promover a contratación indefinida dunhas 2.500 persoas desempregadas pertencentes aos colectivos con maiores dificultades de inserción laboral. É dicir, a mocidade, mulleres vítimas de violencia de xénero e/ou vítimas de trata de seres humanos, con fillos menores de 3 anos, en ocupacións masculinizadas, persoas paradas de longa duración, maiores de 52 anos, persoas emigrantes retornadas ou estranxeiras e persoas con discapacidade ou en risco exclusión social. Neste sentido, está dirixida ás persoas empregadoras e empresas, incluídos os autónomos e as sociedades civís, así como as entidades sen ánimo de lucro, centros especiais de emprego e empresas de inserción. Terán de prazo para solicitar estes apoios desde hoxe ata o 30 de setembro deste ano.

Apoio ás IEBT

Tamén desde hoxe, e ata o 30 de setembro, está aberta a convocatoria para impulsar as iniciativas empresariais de base tecnolóxica. Persegue apoiar o funcionamento destes proxectos durante o seu primeiro ano de actividade —incluíndo a contratación de persoal cualificado— con achegas que poden ir dos 10.000 aos 47.000 euros por entidade.

O obxectivo desta medida, da que se poderán beneficiar ata 21 empresas cualificadas, é facilitar que proxectos con base no coñecemento científico e na investigación poidan converterse en empresas viables, capaces de consolidarse no mercado. Cómpre destacar que en todos os casos, se a IEBT está constituída como cooperativa ou sociedade laboral, a axuda nesta modalidade incrementarase nun 25 %.

Programa Investigo

No caso do Programa Investigo, aberto de mañá ao 30 de setembro, prevese apoiar a contratación de entre 140 e 210 persoas menores de 30 anos como investigadoras, tecnólogas, persoal técnico e outros perfís profesionais vinculados á I+D+i, en función dos módulos salariais que se apliquen. Do total do orzamento, volverase reservar 1 M€ para entidades privadas sen ánimo de lucro cuxa actividade principal sexa a I+D+i.

As contratacións formalizaranse mediante contratos indefinidos a tempo completo, cun período máximo subvencionado de 12 meses. As persoas destinatarias finais, de entre 16 e 30 anos, deberán atoparse en situación de desemprego e inscritas como demandantes de emprego no momento do inicio da relación laboral. Unha vez contratadas, desenvolverán as súas actividades en sectores estratéxicos como a transición ecolóxica, a economía verde —incluíndo enerxías renovables, eficiencia enerxética, tratamento de augas e residuos ou industria agroalimentaria—, así como na dixitalización de servizos, enxeñaría de datos e data science. As iniciativas poderán abranguer tamén ocupacións relacionadas coa sanidade e a investigación.

Data de actualización: 17/02/2026