Rueda sinala que a Xunta resolveu xa 1.150 incidencias nas estradas por mor dos temporais

O titular do Executivo galego sinala que “é unha prioridade” garantir a seguridade dos preto de 5.500 km cos que conta a rede viaria autonómica

O Consello da Xunta deu conta do Informe sobre incidencias polos sucesivos episodios de borrascas, entre o 1 de xaneiro e o 15 de febreiro

Tal e como lembrou Rueda, a maior parte das incidencias xa foron resoltas e está en proceso a reparación dos noiros desprendidos nas autovías do Morrazo e do Val Miñor

As actuacións centráronse na limpeza de auga na calzada, desprendementos ou árbores caídas, no arranxo de anomalías na drenaxe ou nos pavimentos e en tarefas de vialidade invernal como os tratamentos antixeo e a retirada de neve

Dada a extensión da rede viaria autonómica existen 7 áreas na comunidade e en cada unha opera un contrato de conservación para a vixilancia permanente das estradas e a realización das actuacións necesarias

O Goberno galego destina este ano á conservación das estradas unha partida histórica de 71,5M€, o investimento máis elevado ata a actualidade neste eido

A Xunta ten activo o Plan de vialidade invernal desde o 1 de novembro ata o 30 de abril, no marco do cal se realizaron xa 233 operacións

O Executivo autonómico desenvolve un plan de inspección e conservación de estruturas e obras de paso, cun orzamento de 13M€ para os vindeiros 4 anos

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2026

O presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, sinalou hoxe que a Xunta resolveu 1.150 incidencias nas estradas autonómicas por mor dos temporais, tal e como recolle o Informe sobre as incidencias producidas na rede viaria a causa dos sucesivos episodios de borrascas, no que tamén se recollen 233 operacións relacionadas coa viabilidade invernal. Rueda, que lembrou que a rede viaria autonómica conta cunha extensión de case 5.500 km, sinalou que “garantir a súa seguridade é unha prioridade”.

O documento hoxe avaliado no Consello da Xunta detalla as incidencias rexistradas nas estradas autonómicas no período comprendido ”entre o 1 de xaneiro e o 15 de febreiro”, intervalo en que tiveron lugar reiterados episodios de climatoloxía adversa.

Tal e como sinalou Rueda, “a práctica totalidade destas 1.150 incidencias xa foron resoltas”.  Entre as intervencións efectuadas destacan, por unha banda a limpeza de restos nas vías, como auga na calzada, desprendementos ou árbores ou pólas caídas e, por outra banda, o arranxo de anomalías na drenaxe ou nos pavimentos. Ademais, tamén se levan a cabo tarefas de vialidade invernal, que inclúen os tratamentos preventivos antixeo e a retirada de neve.

Dada a extensión da rede viaria autonómica, case 5.500 km, existen 7 áreas na comunidade e en cada unha opera un contrato de conservación para a vixilancia permanente das estradas e a realización das actuacións necesarias.

Na área de Pontevedra sur contabilizáronse 196 incidencias e foron necesarias 18 operacións de vialidade invernal, e en Pontevedra norte houbo 145 incidencias e 19 procedementos de vialidade invernal.

Na área da Coruña sur, o informe recolle 155 incidentes e 13 operacións de vialidade invernal, e na da Coruña norte, 116 anomalías e 11 procedementos relativos a episodios de xeo e neve.

Na zona de Ourense, foron 237 as anomalías rexistradas nas estradas e leváronse a cabo 77 actuacións de vialidade invernal.

Na área de Lugo sur, os profesionais de conservación atenderon 115 incidentes e 50 operacións de vialidade invernal, e na zona de Lugo norte, 186 anomalías nas estradas e 45 actuacións de vialidade.

Tal como se sinalou anteriormente, case todas as incidencias ocasionadas durante o período indicado foron xa solucionadas e só está en proceso de reparación un noiro inestable na PO-332, no punto quilométrico 8+500.

En relación coas vías de alta capacidade, tamén está a avanzar o proceso de acondicionamento tras o corremento de terras en Xalde, en Moaña, na autovía do Morrazo (AG-46), en que se prevé un investimento de case 780.000€.

Ademais, estase a acometer a reparación dun noiro na autovía do Val Miñor (AG-57), en Gondomar, cun custo estimado de case 110.000€.

Investimento histórico en conservación

Co obxectivo de poder manter unhas estradas seguras e dar resposta ante incidencias acontecidas por causas como estes últimos temporais, a Xunta vén blindando nos orzamentos as partidas necesarias para a conservación, unha materia prioritaria. Así, este ano o Goberno galego destina a este ámbito unha dotación histórica de 71,5M€, o investimento máis elevado ata a actualidade neste eido.

De xeito máis concreto, aumentaron significativamente as contías para tarefas fundamentais como a conservación ordinaria e a vialidade invernal, e tamén se reforzaron os recursos para outras liñas de actuación da Xunta, como o Plan de reforzos de firme, que conta con 27 M€ este ano.

Plan de vialidade invernal

Cómpre lembrar que a Xunta tamén mantén activo o Plan de vialidade invernal desde o 1 de novembro ata o 30 de abril, despregando os recursos materiais e humanos necesarios para garantir as condicións de vialidade na rede de estradas, que se poden ver dificultadas polas chuvias, o xeo ou a  neve.

No marco deste operativo, distribuído nas catro provincias cos centros e recursos correspondentes, desenvólvense medidas preventivas para anticiparse aos  problemas que poidan xurdir e accións curativas para incrementar a seguridade.

Así, por exemplo, ante a previsión de nevadas, procédese ao esparexemento de sal ou salmoira, ao control especial de zonas problemáticas, ou ao traballo con equipamentos con cuña quitaneves.

Inspección de estruturas e obras de paso

Por outra parte, a Xunta destina un investimento de máis de 13M€ á inspección e conservación de estruturas e obras de paso das estradas autonómicas para os vindeiros 4 anos.

O programa aplícase sobre todas as obras de paso da rede viaria autonómica (pontes, pontóns, pasarelas ou pasos inferiores). Unha vez realizada a inspección, no caso de ser necesario execútanse traballos como a substitución de apoios, de xuntas de dilatación, reparacións das drenaxes ou limpezas de paramentos.

Este sistema permite avaliar o estado destas estruturas, asegurar a seguridade  sen riscos previsibles a curto prazo e priorizar no tempo, de maneira obxectiva, as actuacións de conservación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/02/2026