A EGAP pon en marcha a I edición do Curso superior en deporte para ofrecer coñecementos especializados en promoción da saúde corporativa
A formación, que será impartida en modalidade presencial na sede da Escola, desenvolverase entre os meses de marzo e abril e contará coa participación de profesionais e persoas expertas nesta materia
Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2026
A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, inaugurará mañá mércores, ás 16:30 horas, a primeira edición do Curso superior en deporte, empresa saudable e novas tendencias, que se celebrará durante cinco sesións presenciais ata o 8 de abril. A actividade formativa, cunha duración total de 30 horas, está dirixida polo profesor de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo, Patricio Sánchez Fernández.
O curso superior ten como obxectivo ofrecer ferramentas e coñecementos especializados en xestión deportiva, promoción da saúde corporativa e adaptación ás últimas tendencias en innovación deportiva e benestar empresarial. Os alumnos poderán formarse en estratexias de liderado, programas de prevención de riscos laborais, promoción de hábitos saudables e novas tecnoloxías aplicadas ao deporte e á empresa.
A formación, que será impartida en modalidade presencial na sede da EGAP, desenvolverase entre os meses de marzo e abril e contará coa participación de profesionais e persoas expertas a nivel autonómico e estatal de recoñecido prestixio nos ámbitos da xestión deportiva, a saúde laboral, a innovación e a dirección empresarial.
Con esta actividade formativa, a EGAP reforza a súa aposta por unha formación especializada e transversal, adaptada aos retos actuais da sociedade e ás necesidades dunha Administración moderna, innovadora e centrada nas persoas. A posta en marcha deste curso superior responde tamén á crecente demanda de coñecemento arredor de políticas públicas de saúde e deporte, así como á necesidade de integrar novas ferramentas de xestión que impulsen organizacións máis resilientes, activas, saudables e sostibles.