A Xunta traballa na actualización da estratificación dos tramos de produción de leite das explotacións para adaptalos á actual realidade do sector
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, presidiu o grupo de traballo do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia que abordou hoxe esta cuestión
Estes tramos clasifican as entregas, o que serve para a referenciación dos prezos nos contratos de leite e facilita o estudo do sector lácteo
Este tipo de encontros teñen repercusións moi positivas, xa que permiten realizar unha análise pormenorizada da súa situación actual do sector dende perspectivas diversas, o que facilita o desenvolvemento de iniciativas beneficiosas e o deseño de estratexias de impulso do sector
Trátase dun dos primeiros encontros celebrados con posterioridade á entrada en vigor do decreto que actualizou a regulación deste órgano colexiado, e que contemplaba a realización desta clase de xuntanzas
Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2026
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, presidiu hoxe o grupo de traballo convocado no marco do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia, no que se abordou a nova estratificación dos tramos de produción das explotacións de leite galegas. Cerviño sinalou que a estratificación empregada ata o de agora databa do ano 2009 e non se adaptaba á realidade do sector produtor, polo que foi necesario proceder á súa actualización. Estes tramos clasifican as entregas de leite, o que serve para a referenciación dos prezos nos contratos de leite e facilita o estudo do sector lácteo.
Este tipo de reunións teñen repercusións moi positivas para o eido leiteiro da nosa comunidade. Nelas pode realizarse unha análise pormenorizada da súa situación actual dende perspectivas diversas e variadas, o que facilita o desenvolvemento de liñas de traballo que repercutan de xeito beneficioso no sector e contribúan a consolidar o liderado galego neste ámbito. Trátase dun dos primeiros encontros celebrados con posterioridade á entrada en vigor do decreto que actualizou a regulación deste órgano colexiado, e que contemplaba a realización desta clase de xuntanzas.
Cabe sinalar que este eido é unha das bases da economía da comunidade. Neste contexto, Galicia está plenamente consolidada como unha potencia, ao producir o 42 % do leite que se produce en España e estar dentro das dez primeiras rexións europeas en produción.
O Observatorio do sector lácteo
O Observatorio do Sector Lácteo de Galicia é un órgano colexiado de asesoramento, consulta e análise do sector lácteo que, entre as súas funcións e obxectivos, realiza un seguimento continuado do sector e procura mellorar o seu funcionamento.
Debido aos cambios experimentados dende a súa creación no ano 2007 en ámbitos como o da produción, a industria ou o consumo, foi necesario adaptalo a realidade actual a través da aprobación dun decreto específico a finais de 2025.
Neste sentido, modificouse a súa composición para acoller a todos os elos da cadea de valor do leite: produción, industria, distribución e consumo. Así mesmo, redefiníronse as funcións da presidencia, da secretaría e das vogalías que o conforman (21 en total). Cómpre destacar a incorporación a unha das vogalías da organización de produtores lácteos de Galicia con maior representatividade. Esta incorporación obedece á necesidade de que no Observatorio figuren representados todos os sectores que traballan directa ou indirectamente no sector lácteo.