A Consellería do Medio Rural ofrece unha charla informativa sobre a dermatose nodular contaxiosa para gandeiros da provincia da Coruña
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou nesta xornada que tivo lugar en Ordes
Esta charla é a primeira das catro que se celebrarán nos vindeiros días, as cales continuarán en Lugo, Lalín e Ourense mañá, o mércores e o xoves, respectivamente, en horario de mañá
Balseiros explicou as características da enfermidade e as medidas establecidas pola normativa comunitaria no caso da súa detección; así como para a vacinación
Incidiuse nas medidas preventivas postas en marcha pola Xunta: entre elas, e ata o 31 de marzo, están permitidas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións con finalidade comercial, só coa asistencia de animais de explotacións galegas
Segue a demandarse ao Goberno central maior coordinación ou que lidere, no marco da UE, unha vacina marcada que poida administrarse de xeito preventivo; así como modificar a categoría da enfermidade para rebaixar as esixencias
Ordes (A Coruña), 9 de marzo de 2026
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou hoxe en Ordes na primeira das catro charlas informativas organizadas pola Consellería do Medio Rural en cada unhas das provincias galegas, co obxectivo de concienciar aos gandeiros nas implicacións desta enfermidade e lembrar as medidas de bioseguridade preventivas establecidas polo Goberno autonómico para protexer á cabana bovina galega ante esta doenza. Nela, explicáronse as características desta enfermidade e as medidas establecidas na normativa comunitaria no caso da súa aparición; así como as condicións sinaladas actualmente para a vacinación.
Estas charlas informativas continuarán mañá en Lugo, no salón de actos da Delegación da Xunta, ás 11,00 horas. O mércores terá lugar no Salón Teatro de Lalín, ás 11,00 horas, para gandeiros da provincia de Pontevedra e o xoves celebrarase a últimas destas charlas en Ourense, no salón de actos da Delegación da Xunta na cidade, ás 10,30 horas. Todas as xuntanzas son de entrada libre, polo que non é necesario inscribirse de xeito previo.
Medidas tomadas en Galicia
Nestes encontros incidirase tamén nas medidas preventivas que seguen vixentes en Galicia ata o vindeiro 31 de marzo, podéndose ampliar este prazo en función da evolución epidemiolóxica da doenza. Así, están permitidas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando con finalidade comercial, pero só poderán asistir animais procedentes de explotacións galegas. Con todo, os vehículos que veñan de fóra da comunidade deberán acceder ás instalacións baleiros, limpos, desinfectados e desinsectados.
En relación coa celebración extraordinaria de concursos, certames, poxas e exhibicións, continúa sendo precisa a autorización previa da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, no seu caso tamén con asistencia só de animais de explotacións galegas.
Mantense a vixencia do período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos procedentes de fóra da comunidade -con destino a vida-, dende a data da súa incorporación á explotación de destino na nosa comunidade. Todos os animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados durante o mesmo período de tempo. Unha inmobilización que afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos novos animais.
Ao mesmo tempo, continúa sendo obrigatorio desinsectar os bovinos presentes na explotación á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia, tanto para vida como para sacrificio, e, neste último caso, manténdose a posibilidade da súa entrada sempre que sexan trasladados directamente a matadoiro.
Peticións ao Ministerio de Agricultura
Por parte da Consellería do Medio segue a emitirse unha mensaxe de tranquilidade, tanto para o sector como para a cidadanía en xeral, xa que non hai constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia e, cómpre lembrar, trátase dunha enfermidade que non se transmite ás persoas.
Con todo, segue a demandarse ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación máis implicación por parte deste departamento, así como unha estratexia clara de coordinación entre todas as comunidades autónomas para o control eficaz desta enfermidade, co fin de implementar medidas homoxéneas que dean certezas e seguridade ao sector gandeiro, especialmente no caso de ter que poñer en marcha indemnizacións.
Reclámase tamén ao Goberno central que lidere de forma xurídica e económica, no marco da Unión Europea, o desenvolvemento dunha vacina marcada que poida administrarse de xeito preventivo, para así reducir o risco de aparición desta enfermidade nas explotacións de gando vacún. Solicítase tamén unha modificación na normativa comunitaria da categoría da enfermidade, actualmente cualificada como A- a máis grave das existentes, tendo en consideración que non é zoonótica. Ambos asuntos foron tamén trasladados ao comisario europeo de Agricultura e Alimentación no marco da reunión mantida este martes polo presidente da Xunta en Bruxelas.