A Xunta dá luz verde ambiental ao Proxecto de Interese Autonómico para o desenvolvemento dunhas 2.950 vivendas en Mallou, en Santiago de Compostela
O informe emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que o proxecto teña efectos ambientais adversos significativos na contorna
O ámbito de actuación do PIA, promovido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para urbanizar solo destinado maioritariamente a vivenda protexida, abrangue 522.737 m2 e está na zona de Mallou, ao nordés da cidade
Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2026
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para o desenvolvemento residencial en Mallou, no concello de Santiago de Compostela. O obxectivo da actuación, promovida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), é urbanizar solo neste ámbito para destinalo á construción dunhas 2.950 vivendas, maioritariamente protexidas.
O informe ambiental estratéxico (IAE) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sairá publicado nuns días no Diario Oficial de Galicia, conclúe que non se prevé que o proxecto teña efectos ambientais adversos significativos pero sinala algunha condición que se deberá atender co fin de afondar en determinados aspectos.
Cómpre lembrar que o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador de PIA como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal web da Consellería por un prazo de 30 días hábiles para que o público en xeral puidese consultalos e facer as observacións ou suxestións que considerase oportunas.
Unha vez emitida a resolución, o informe ambiental remitirase ao promotor e ao órgano substantivo e, posteriormente, farase público o seu contido mediante anuncio publicado no OG e a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
O ámbito de actuación do PIA para o desenvolvemento residencial na zona de Mallou, ao nordés da cidade de Santiago de Compostela, abrangue unha superficie total de 522.737 metros cadrados. As previsións contidas no borrador prevén a execución dunhas 2.950 vivendas con reservas para dotación de equipamento comunitario, espazos libres e zonas verdes.
A rede viaria proposta vén definida por treitos correspondentes a infraestruturas previstas no Plan xeral de ordenación municipal (PXOM). O eixe norte-sur (Boisaca-Cancelas-Fontiñas) permitirá conectar a avenida de Asturias coa de Xoán Paulo II a través dunha glorieta e un viaduto, mentres que o eixe leste-oeste conectará a zona de Mallou co núcleo de Porto do Medio. Tamén se prevé unha rede secundaria interior, na que se contemplan unas 800 prazas de aparcadoiro público nas marxes destes viarios.