Rueda salienta a cifra récord de 407 M€ de fondos agrarios europeos que a Xunta mobilizou en 2025 para mellorar o rural galego

Sinala que estes fondos son “fundamentais para manter e modernizar o noso agro e mellorar a calidade de vida no rural”, polo que reclama unha nova PAC forte e con dotación suficiente

Do total dos fondos, uns 184 M€ corresponden a axudas directas e están financiados co Feaga, e os restantes 222 millóns correspóndense con partidas para promover o desenvolvemento rural e están cofinanciados polo Feader, ademais das achegas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da propia Xunta

No pasado ano financeiro, Galicia saíu reforzada cun incremento do 5% dos pagamentos directos da PAC e cunha suba de ata o 23% nas axudas ao desenvolvemento rural

Por outra banda, máis de 200 agricultores e gandeiros galegos recibiron máis de medio millón de euros da reserva nacional da PAC da campaña de 2025

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2026

As axudas provenientes dos fondos agrarios europeos da Política Agraria Común (PAC) que xestiona a Xunta acadaron durante o ano financeiro 2025 unha “cifra récord de 407 millóns de euros mobilizados”, que son “fundamentais para manter e modernizar o noso agro e mellorar a calidade de vida no rural”. Así o destacou hoxe o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, tras analizar o Consello dous informes da Consellería do Medio Rural vinculados coa xestión da Política Agraria Común (PAC) en Galicia.

En relación co primeiro, correspondente ao total dos fondos agrarios da PAC, cómpre sinalar que, deses máis de 400 millóns de euros, uns 184 corresponden a axudas directas (o primeiro piar) e están financiados co Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (Feaga). Os restantes 222 millóns son fondos para promover o desenvolvemento rural (segundo piar) e están cofinanciados polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), xunto coas achegas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a propia Xunta de Galicia.

No que atinxe aos importes do primeiro piar, a meirande parte (175,4 M€) refírese aos pagamentos directos da PAC, que “beneficiaron uns 22.000 agricultores e gandeiros galegos”. Hai que subliñar que, coa activación do Plan estratéxico da PAC (Pepac) -logo da fin do período de programación anterior e o cambio ao novo-, Galicia saíu reforzada nestas axudas e veu incrementada esta achega en máis dun 5% respecto do período anterior. O incremento respecto do ano anterior, tal e como apuntou Rueda, foi aínda superior no que ten que ver co segundo piar, o de desenvolvemento rural, xa que se situou no 23 %.

Axudas directas e para o desenvolvemento rural de xeito integral

En conxunto, os devanditos 407 millóns de euros dos fondos europeos permitiron, por medio da chamada solicitude única, suplementar os 174,6 millóns de ingresos directos aos beneficiarios do primeiro piar mediante dúas accións que forman parte do fondo Feader, como son as axudas agroambientais (28,2 M€) e as axudas ás zonas con limitacións naturais (17,3 M€). É dicir, falamos dos apoios á produción ecolóxica, á conservación de recursos xenéticos ou aos cultivos sostibles extensivos e tamén ao fomento de pastos e a axuda complementaria en zonas con presenza de grandes carnívoros, por poñer uns exemplos.

Ao tempo, e á marxe das axudas da solicitude única, os fondos favoreceron o desenvolvemento rural en ámbitos como “a remuda xeracional no agro, o apoio á modernización das explotacións ou o mantemento dos certificados de calidade”, así como o fomento da ordenación do territorio -por medio de figuras como as parcelarias ou o banco de terras-, as axudas á mellora da produtividade da industria ou as medidas relacionadas coa creación e conservación de réximes de calidade como denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas. Estas partidas tamén financian aspectos como a conservación do patrimonio natural, a promoción da xestión sostible dos recursos naturais, o impulso ao asesoramento e á formación, o apoio aos organizacións de produtores ou a mellora da calidade de vida da poboación.

Repartición da reserva nacional

O segundo informe do que tomou razón hoxe o Consello sobre a PAC tamén reflicte que un total de 208 agricultores e gandeiros galegos beneficiáronse da repartición dos dereitos de axuda básica da reserva nacional da política agraria común correspondentes á campaña de 2025.

Recibiron, en conxunto, un importe de 624.494,83 euros por unha superficie de 7.756,74 hectáreas. A Xunta, que xestiona estas subvencións a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), adscrito á Consellería do Medio Rural, fará pública a vindeira semana as resolucións relativas á asignación de dereitos destas achegas mediante a súa inclusión no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 17 de marzo.

No informe explícanse, ademais, diferentes aspectos relacionados coa orixe e a tramitación destas subvencións. Deste xeito, sinálase que as axudas directas da PAC no novo período de programación da PEPAC 2023-2027 inclúen tres liñas: as axudas á renda dos agricultores e gandeiros, aquelas asociadas á súa produción (segundo sexa leite, vacún extensivo, ovino e cabrún, etc.), e os denominados ecorréximes, unhas prácticas voluntarias que se consideran un “extra” por parte dos produtores e que están enfocadas á sustentabilidade ambiental e climática.

As axudas á renda concédense en función do número de hectáreas da explotación para as que se dispoña de dereitos. Estes dereitos obtéñense de tres formas: mediante a asignación inicial na campaña, pola cesión entre titulares ou vía da chamada reserva nacional, que constitúe un fondo de dereitos xestionado por cada Estado membro.

As posibles vías de acceso a estes dereitos da reserva nacional teñen que ver co status dos agricultores e gandeiros. Así, pode accederse sendo unha persoa agricultora moza, unha persoa nova que se incorpora á actividade agraria, unha persoa lexitimada para recibir os dereitos por sentenza xudicial ou actos administrativos, un agricultor en situación de desvantaxe (neste caso serían persoas xefas de explotación con hectáreas subvencionables), ou unha persoa xefa de explotación que participe en programas de reestruturación, no marco dunha intervención pública legalmente regulada, cuxo obxectivo sexa evitar ou reverter o abandono de terras. En Galicia, este último sería o caso, por exemplo, dos instrumentos da Lei de recuperación de terras, como poden ser os polígonos agroforestais ou as permutas.

A importancia da PAC para Galicia

Cómpre lembrar o importante valor das axudas da PAC para Galicia, uns fondos que en palabras do presidente da Xunta son “fundamentais” porque ofrecen un firme apoio aos agricultores e gandeiros, ao garantir estabilidade nos ingresos, proporcionar seguridade e mellorar a rendibilidade do sector agrario. Desta maneira, o apoio da PAC favorece o mantemento da actividade agraria en particular, pero tamén do sistema alimentario no seu conxunto.

Tendo en conta isto e o contexto de negociación que se “está decidindo agora en Bruxelas”, a Xunta vén traballando, da man do sector, a prol dunha PAC forte e dotada de orzamento suficiente. O Goberno galego reclama tamén -como así o fixo o propio presidente Rueda este mesmo mes en Bruxelas- que se manteña a actual arquitectura de dous fondos diferenciados (Feaga e Feader) para que queden blindadas todas as medidas, non só as axudas directas, senón tamén aquelas vinculadas ao desenvolvemento rural. Así mesmo, demándase que se manteña o sistema actual de xestión descentralizada dos fondos e, entre outras cousas, que se teña en conta a estrutura territorial agraria galega, onde abunda un minifundismo que, porén, non impide que as parcelas e as explotacións da nosa Comunidade sexan rendibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/03/2026