A Xunta destinou máis de 300.000 € desde 2020 a apoiar a mellora das infraestruturas rurais e a loita contra os incendios forestais no concello de Muras

A conselleira do Medio Rural reuniuse hoxe en Lugo co alcalde deste municipio para abordar outros asuntos como o impulso á gandaría en extensivo ou o fomento da gandaría cabalar

Lugo, 17 de marzo de 2026

A Xunta achegou un total de 307.095 euros ao Concello de Muras no período 2020-2025 para financiar a mellora das súas infraestruturas rurais e tamén para colaborar na prevención e defensa fronte os incendios forestais. Así o puxo en valor hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, nunha xuntanza co alcalde desta localidade, Manuel Requeijo, que tivo lugar na Delegación da Xunta en Lugo.

O encontro serviu para atender as necesidades e demandas deste municipio nas devanditas materias e tamén en eidos como o impulso á gandaría en extensivo ou o fomento da gandaría cabalar, que ten un importante peso na zona. Avaliouse, ademais, a cooperación entre a Consellería e o Concello en relación coa produción apícola. Neste sentido, cómpre lembrar que o Goberno galego convocou unha nova orde de axudas para este sector, dotada cun orzamento de preto de 1,5 millóns de euros para este 2026. 

Outro dos temas abordados nesta reunión foi o relativo ás repercusións do tratado UE-Mercosur no sector gandeiro de carne. Así, a conselleira lembrou que Galicia o paquete de medidas posto en marcha polo Goberno galego e, no caso concreto da carne, remarcou que a nosa comunidade é unha das principais produtoras de España neste eido e puxo de relevo que conta cunha forte diferenciación a través da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, que posiciona o produto en segmentos de calidade con altos estándares de trazabilidade e benestar animal. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/03/2026