Medio Rural destina 1 M€ ás axudas ao control de rendemento leiteiro para impulsar a mellora da xenética e da calidade do leite nas explotacións
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución correspondente ao 2026 destas achegas, que benefician as Africores da Coruña, Lugo e Pontevedra, asociacións oficialmente recoñecidas para a realización destes labores
O obxectivo é compensar en parte os gastos xerados a estas entidades, atendendo aos importantes beneficios que recibe o sector pola implantación xeneralizada deste sistema
Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2026
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se dá publicidade ás axudas para o control de rendemento leiteiro ás entidades oficialmente recoñecidas para a realización destas tarefas en Galicia. As achegas ascenden a 1 millón de euros, cantidade idéntica á da convocatoria anterior, e benefician as Africores da Coruña, Lugo e Pontevedra.
Con esta liña de apoios quérese compensar en parte, mediante axudas proporcionais, os gastos xerados ás entidades oficialmente recoñecidas para a realización do control leiteiro en Galicia, atendendo aos importantes beneficios que o sector no seu conxunto recibe pola implantación xeneralizada deste sistema.
Así, as actividades subvencionables a realizar polas entidades beneficiarias son todas aquelas destinadas a comprobar sistematicamente as producións e outras aptitudes funcionais das femias reprodutoras leiteiras, para a determinación do valor xenético e os méritos ou outras capacidades dos animais, no marco dun programa de cría aprobado oficialmente para a raza.
Este control de rendemento leiteiro ten unha influencia directa no futuro do sector lácteo galego como base da mellora xenética nos esquemas de selección e desde o punto de vista da sustentabilidade e rendibilidade económica das explotacións. Xa que logo, os beneficiarios últimos desta iniciativa son os propios gandeiros e, por extensión, os consumidores, na medida en que o control incide directamente na mellora da calidade final do produto. Así mesmo, as melloras xenéticas e tecnolóxicas que se logran grazas ao control de rendemento leiteiro benefician a todo o subsector lácteo.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260318/AnuncioG0426-110326-0001_gl.html