A Xunta reitera o seu compromiso na loita contra os incendios no marco da Semana forestal de Pontevedra

O director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural participou na inauguración deste evento, que se desenvolve na Escola de Enxeñaría Forestal do Campus da Xunqueira, e destacou o papel das universidades e dos investigadores fronte o lume

Pontevedra, 23 de marzo de 2026

O director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, Manuel Francisco, participou esta mañá na inauguración da Semana Forestal 2026 que se desenvolve na Escola de Enxeñaría Forestal do Campus Universitario da Xunqueira, en Pontevedra, organizada pola delegación de alumnos deste centro en colaboración coa Universidade de Vigo.

Neste acto, o director xeral puxo en valor o esforzo e o compromiso da Xunta na loita contra os incendios forestais e remarcou a necesidade de incidir na implicación da sociedade no seu conxunto nesta tarefa xa que, subliñou, “é un labor de todos”. Neste marco, salientou a aportación fundamental das universidades e do colectivo investigador neste traballo, na medida en que achegan coñecementos e experiencia de gran utilidade para a defensa do monte.

O programa desta Semana Forestal inclúe diferentes temáticas relacionadas coa defensa fronte os lumes, como a investigación, o uso do fogo na xestión da paisaxe ou a cooperación transfronteiriza. Ademais, abordaranse asuntos coma os recursos hídricos, o cambio climático ou o Inventario Forestal Continuo de Galicia, entre outros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2026