A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático e a do Medio Rural visitaron hoxe unha explotación de vacún de leite en Curtis

A Xunta advirte de que o desleixo do Goberno central na xestión do lobo deixa aos gandeiros sen fondos estatais para facer fronte aos ataques da especie

Ángeles Vázquez lembra que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico debe aínda a Galicia 12 M€ das axudas correspondentes aos anos 2022, 2023 e 2025 para previr e paliar os danos causados por este animal en todo o país

María José Gómez avisa de que o problema do lobo se suma a outras dificultades do sector gandeiro e volve pedir a actuación urxente do Ministerio diante da situación do sector lácteo e tamén para facer fronte á dermatose nodular contaxiosa

A suspensión cautelar do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia das medidas de control sobre o lobo impide garantir o equilibrio coa actividade no rural e lamentan que as axudas da Xunta son a día de hoxe o único apoio co que conta o sector

Curtis (A Coruña), 24 de marzo de 2026

A Xunta de Galicia advertiu hoxe de que a actitude de desleixo por parte do Goberno central con relación á xestión do lobo e a súa convivencia co sector primario está a prexudicar aos gandeiros, un colectivo ao que en 2025 deixou sen fondos estatais fronte aos danos da especie a pesar do incremento detectado nos últimos anos no número de avisos e de reses afectadas.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, achegáronse esta mañá ata unha explotación de vacún de leite en Curtis que perdeu varias reses por este motivo para analizar xunto a un grupo de gandeiros a situación xerada polo lobo neste concello, no que se detectou no último ano un incremento do 125% nos avisos relacionados coa especie.

Neste sentido, denunciaron o total abandono do Goberno central ao sector primario fronte aos ataques destes animais e como mostra, lembraron que o ano pasado desviou os 20 millóns de euros que correspondían ás comunidades para previr e compensar o impacto causado por esta especie, a sufragar unha serie de medidas para despregar o coche eléctrico. Unha decisión que, como recalcou Ángeles Vázquez, adoptou de forma unilateral e sen comunicación oficial ás comunidades autónomas.

De feito, lembrou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico ten aínda pendente de transferir a Galicia arredor de 12 millóns de euros correspondentes ás partidas das anualidades 2022, 2023 e 2025 destinadas a axudar ás explotacións gandeiras a adoptar medidas preventivas fronte ao lobo e a paliar os posibles danos. Fronte a esta actitude, Ángeles Vázquez fixo fincapé en que a Xunta leva anos actuando con medidas e recursos propios para garantir o equilibrio no medio rural entre a conservación das poboacións de lobo e a actividade do sector primario.

En concreto, recordou que a través do plan de xestión da especie, o Goberno galego autorizaba medidas puntuais de control sobre a especie como batidas e esperas e convocaba anualmente axudas económicas dirixidas tanto a implementar medidas de prevención nas explotacións como a compensar os danos producidos.

Tras case catro anos sen poder adoptar medidas de xestión sobre estas poboacións, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático explicou que o seu departamento solicitou a comezos de 2026 que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia levantara a suspensión cautelar que pesaba sobre a caza da especie nos concellos de Curtis, Cerdedo-Cotobade e Ferrol, en vista da alarma social xerada polo incremento dos ataques nos seus territorios e a proximidade cada vez maior ás vivendas.

Sen embargo, o Alto Tribunal galego rexeitou a petición e decidiu manter a suspensión deste tipo de medidas, motivo polo que ambas conselleiras lamentaron que as axudas económicas que convoca e xestiona a Xunta cada ano en relación co lobo son, actualmente, a única medida de apoio ao sector gandeiro en Galicia, nun contexto de abandono por parte do Goberno central e no que, recordaron, os avisos por danos no período 2024-2025 aumentaron un 72% en Galicia e as reses afectadas, un 55%.

Outras dificultades do sector

Pola súa parte, a conselleira do Medio Rural sinalou que a problemática co lobo súmase a outras dificultades polas que atravesa o sector gandeiro. Así, fixo referencia á situación de enfermidades como a dermatose nodular contaxiosa (DNC) e ao contexto no que se están negociando os contratos do leite, cunha baixada “desleal” nas propostas de prezos por parte da industria aos produtores, que coincide ademais cun incremento dos custos de produción polo conflito bélico en Oriente Medio. De feito, volveu pedir “corresponsabilidade” ás empresas para garantir a sustentabilidade do sector.

Nesta liña, María José Gómez censurou o “desleixo” do Goberno central e a súa falta de iniciativa, malia as reiteradas demandas da Xunta para que actúe nestes dous asuntos de maneira urxente. Lembrou que hai máis dunha semana se lle solicitou unha reunión urxente ao ministro de Agricultura, Luis Planas, para abordar estas e outras cuestións claves para o sector gandeiro e que tan só se recibiu “o silencio por resposta”. Isto, engadiu, “non é comprensible”, nun contexto que pon á gandaría de Galicia en xeral e á de leite en particular nunha situación moi complicada”.

A conselleira lamentou tamén “o silencio por resposta” do Ministerio no caso da DNC, ante as demandas da Xunta para que tome medidas co fin de evitar que esta doenza chegue a Galicia. En concreto, explicou Gómez, pedíuselle o desenvolvemento dunha vacina marcada para previr e protexer o gando e tamén que pelexase para sacar de categoría “A” esta enfermidade, de maneira que se afecta unha explotación non houbera que facer un baleiro sanitario completo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2026