Galicia, pioneira na implementación do perfil xenómico integral como ferramenta sistémica da oncoloxía de precisión
O acordo entre o Servizo Galego de Saúde e o Precision Cancer Consortium permitirá acelerar a posta en marcha do perfil xenómico integral para os pacientes con tumores sólidos desde a súa diagnose inicial
O proxecto estenderase durante os vindeiros catro anos e abordará aspectos como a formación do persoal sanitario, o establecemento de redes de colaboración ou a identificación de posibles barreiras para facer accesible o perfil xenómico integral
Galicia ocupa unha posición líder nos ámbitos da medicina de precisión e a xenómica, o que a fan óptima para desenvolver o programa e servir de modelo para outras rexións españolas e europeas
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2026
O Servizo Galego de Saúde vén de asinar un acordo de colaboración co Precision Cancer Consortium (PCC) e as consultoras Fundación Health innovation Technology Transfer (HiTT) e Avalere Health para acelerar o acceso dos pacientes galegos ao perfil xenómico integral (Comprehensive Genomic Profiling-CPG) no diagnóstico e tratamento de tumores sólidos.
O perfil xenómico integral é unha ferramenta clave para o desenvolvemento da oncoloxía de precisión, polo que este proxecto buscará eliminar barreiras e mellorar o proceso para incorporalo dun xeito progresivo na atención dos pacientes con cancro.
A colaboración enmárcase no proceso de desenvolvemento da Estratexia Galega de Oncoloxía de Precisión, que inclúe entre os seus obxectivos facilitar o acceso temperán e igualitario dos pacientes oncolóxicos ás mellores opcións de diagnóstico molecular e terapia dirixida.
O proxecto, cuxa vixencia se estenderá durante os próximos catro anos, abordará aspectos como a formación do persoal sanitario, o establecemento de redes de colaboración e a identificación de posibles barreiras para facer accesible o perfil xenómico integral. Está previsto que participen observadores doutras comunidades, xa que a vontade é que a experiencia de Galicia sirva de exemplo para avanzar na consolidación do perfil xenómico integral como ferramenta diagnóstica clave en oncoloxía.
O proxecto que agora se pon en marcha en Galicia forma parte dunha iniciativa de longo alcance do Precision Cancer Consortium, un consorcio formado por farmacéuticas que traballan no descubrimento e desenvolvemento de intervencións no campo da oncoloxía de precisión.
Este consorcio busca aumentar a concienciación sobre o impacto do perfil xenómico integral na mellora dos resultados dos pacientes a nivel global, xunto cun acceso equitativo a este tipo de probas, abordando os retos para poñelas en marcha nos sistemas sanitarios.
En 2024, o Consorcio do cancro de precisión (Precisium Cancer Corsostium) elixiu España como país piloto para converter o perfil xenómico integral nunha práctica estándar no diagnóstico. Así, levou a cabo unha primeira fase de estudo en profundidade sobre o estado da medicina de precisión, centrado en sete comunidades autónomas: Andalucía, Cataluña, Castela e León, Comunidade Valenciana, Galicia, Madrid e Murcia.
Esta análise amosou que Galicia é a candidata ideal para liderar a fase 2 na escalada do proxecto, ao posuír un claro liderado no desenvolvemento da medicina de precisión e nos ámbito da medicina xenómica, con iniciativas como a Fundación Galega de Medicina Xenómica, o programa Precisaúde, o Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Santiago de Compostela ou o futuro Centro de Protonterapia de Galicia. Así mesmo, conta cunha estratexia consensuada de oncoloxía de precisión e con axentes e expertos neste ámbito firmemente comprometidos con esta estratexia.