O Sergas publica o nomeamento como persoal estatutario fixo e a adxudicación de destino dos seleccionados nos procesos selectivos para o ingreso en varias categorías de persoal sanitario

Resultan nomeados cinco profesionais na categoría de médico de urxencias hospitalarias en prazas vacantes para cubrir postos de difícil cobertura

Os seleccionados disporán do prazo dun mes para incorporarse á praza adxudicada

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo das persoas seleccionadas no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o ingreso na categoría de médico de urxencias hospitalarias, convocado pola resolución do 11 de maio de 2023.

A resolución da convocatoria deste proceso realizouse en execución da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario e para levar a cabo as accións previstas no Plan de saúde de Galicia.

Este é o segundo proceso de nomeamento e adxudicación de destino definitivo na categoría de médico de urxencias hospitalarias, tras resultar cinco prazas vacantes tras a resolución de nomeamento do 26 de decembro de 2025. A finalidade deste segundo proceso de adxudicación de destino definitivo é cubrir a totalidade das prazas ofertadas en postos de difícil cobertura.

Outros nomeamentos

O Diario Oficial de Galicia de hoxe tamén publica a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo dos aspirantes seleccionados no concurso-oposición para o ingreso nas categorías de facultativo especialista en pediatría e as súas áreas específicas e médico coordinador do 061. Estes procesos selectivos foron convocados polas resolucións do 26 de decembro de 2022.

Así mesmo o Diario Oficial de Galicia recolle as resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde polas que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo das persoas seleccionadas nos procesos selectivos de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso nas categorías de facultativo especialista en pediatría e as súas áreas específicas, médico de urxencias hospitalarias e técnico superior en dietética, procesos selectivos convocados polas resolucións do 26 de decembro de 2022.

Este é o cuarto proceso de adxudicación de destino definitivo na categoría de técnico superior en dietética e o quinto proceso nas categorías de facultativo especialista en pediatría e as súas áreas específicas, médico coordinador do 061 e médico en urxencias hospitalarias, tras resultar prazas vacantes ao finalizar o prazo de toma de posesión dos aspirantes nomeados previamente.

Nestes procesos de adxudicación ofertáronse as prazas que resultaron vacantes aos novos aspirantes segundo a orde de prelación, tal e como está establecido nas resolucións das convocatorias co fin de asegurar a cobertura da totalidade das prazas ofertadas.

Profesionais fixos

A resolución destes procesos de adxudicación de destino suporá a incorporación de dez profesionais fixos ás institucións do sistema público de saúde de Galicia.

No concurso-oposición, resultaron nomeadas dúas persoas, unha da categoría de facultativo especialista en pediatría e as súas áreas específicas e outra da categoría de médico coordinador do 061.

No proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, resultaron nomeadas tres persoas pertencentes ás categorías de facultativo especialista en pediatría e as súas áreas específicas, médico de urxencias hospitalarias e técnico superior en dietética.

Os aspirantes nomeados disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación destas resolucións no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada.

A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable ao interesado e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo. En casos de forza maior, e por instancia do interesado, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión.

As persoas aspirantes poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas con este proceso ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación nin recurso.

Data de actualización: 07/04/2026