A Xunta destaca o traballo multidisciplinar no marco do evento emprendedor ‘Impact Campus Galicia’ para impulsar iniciativas innovadoras no rural
A Pobra de Trives (Ourense), 11 de abril de 2026
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe no evento Impact Campus Galicia, iniciativa na que participan persoas e entidades do ecosistema emprendedor da man da Deputación de Ourense, do Concello de San Xoán de Río e de Impact Social Cup, un dos movementos de emprendemento de impacto positivo máis relevante de España e Europa. Na estación de montaña de Manzaneda, Fernández destacou o traballo previsto a través de equipos multidisciplinares de cara a deseñar propostas innovadoras para o rural que poidan ser impulsadas logo por institucións e axentes do territorio.
Deste xeito, a iniciativa busca conectar talento, empresa e territorio xerando espazos de colaboración interxeracional e posicionando a Galicia como unha rexión que aposta pola innovación social e o emprendemento ligado ao territorio. A convivencia concorda coa aposta do Goberno galego que se materializará na futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, que nace da designación de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025).