A Xunta impulsa un modelo integral de apoio financeiro ao tecido empresarial galego
A directora do Igape, Covadonga Toca, expuxo en Galicia Foro Empresarial o conxunto de instrumentos activados para facilitar o acceso ao financiamento, impulsar a innovación e reforzar a internacionalización
Lembra que o organismo mobiliza este amo máis de 282 millóns en programas que abarcan desde préstamos directos e acceso ao crédito ata axudas á descarbonización, startups e expansión exterior
Subliña que as liñas activas neste 2026 permiten adaptar o apoio público ás distintas fases de crecemento empresarial, desde o emprendemento ata grandes proxectos industriais
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 16 de abril de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na xornada “Decisiones financieras clave para empresas”, organizada por Galicia Foro Empresarial, onde puxo en valor o papel estratéxico das decisións financeiras como elemento determinante para a competitividade e o crecemento do tecido empresarial galego.
Durante a súa intervención, Toca Carús debullou o conxunto de instrumentos que o Igape ten en marcha en 2026, que suman máis de 282 millóns de euros e configuran “un ecosistema integral de apoio ás empresas” que permite acompañar os proxectos empresariais en todas as súas fases, desde o acceso ao financiamento ata a innovación, a expansión internacional ou a transición cara modelos máis sostibles.
Neste sentido, destacou especialmente a liña orientada a facilitar o acceso ao crédito das pemes, como o programa de préstamos avalados, con bonificacións tanto no tipo de xuro como nas comisións de aval, que favorecen a capacidade financeira de autónomos e pemes.
Xunto a esta ferramenta, a directora do Igape puxo o foco nos préstamos directos, que permiten financiar proxectos empresariais con condicións vantaxosas, unha liña que está deseñada para apoiar desde novos investimentos produtivos ata procesos de concentración empresarial, innovación tecnolóxica ou financiamento operativo, adaptándose ás necesidades reais das empresas.
Outro dos eixes abordados por Toca Carús foi o impulso á transición industrial e á sustentabilidade, a través do Fondo de Transición Xusta, que permite apoiar proxectos de descarbonización, renovación industrial e desenvolvemento empresarial en territorios en transformación. Neste ámbito, Toca Carús destacou instrumentos como os préstamos parcialmente reembolsables, que combinan financiamento e subvención directa, favorecendo investimentos produtivos e a creación de emprego.
A directora do Igape destacou que, ademais da aposta polo financiamento, existe un firme compromiso coa innovación a través de programas como Industria Innova, IA 360 ou Igape Innova, orientados a impulsar o desenvolvemento tecnolóxico, a dixitalización e a incorporación da intelixencia artificial nas empresas galegas. Así mesmo, puxo en valor o apoio ao emprendemento innovador e á captación de investimentos, mediante axudas a startups e incentivos destinados a atraer proxectos empresariais a Galicia, favorecendo a creación de emprego e o dinamismo económico. Por último, subliñou a relevancia da internacionalización, con iniciativas como Galicia Exporta Empresas e Foexga, que facilitan a presenza das empresas galegas en mercados exteriores a través de feiras, misións comerciais e accións de promoción.
A directora concluíu subliñando que “a clave está en tomar decisións financeiras informadas, planificadas e aliñadas coa estratexia empresarial”, destacando que a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, “non só ofrece financiamento, senón acompañamento e asesoramento para que cada empresa atope a mellor solución para o seu proxecto”.