A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, detallou hoxe esta intervención que suporá un investimento de máis de 460.000 €
A Xunta licita as obras para reducir a contaminación acústica na AC-211 en Cambre, con actuacións de calmado do tráfico e mellora da mobilidade peonil
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe esta licitación e as empresas poderán presentar ofertas ata o vindeiro 18 de maio
Allegue explicou que a actuación se desenvolverá ao longo de medio quilómetro, nas inmediacións da conexión coa N-VI, para mitigar o ruído procedente do tráfico
Neste treito mellorarase o firme, limitarase a velocidade a 30 km/h, renovaranse as beirarrúas e habilitaranse itinerarios para facilitar os desprazamentos a pé
As obras axilizaranse no posible para rematalas antes do prazo previsto, que son 6 meses, e executaranse en horario nocturno para minimizar a afección á veciñanza
Cambre (A Coruña), 21 de abril de 2026
A Xunta licita as obras para a redución da contaminación acústica na estrada AC-211, ao paso polo concello de Cambre, que incluirán medidas de calmado do tráfico e mellora da mobilidade peonil e suporán un investimento de máis de 460.000€. Este orzamento conta con financiación de Fondos Feder.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, detallou hoxe esta intervención enmarcada no Plan de Acción contra o Ruído que impulsa o Goberno galego.
Subliñou que os traballos previstos neste proxecto contribuirán a minimizar o ruído na contorna e polo tanto, mellorarán a calidade de vida da veciñanza deste municipio coruñés. Cómpre lembrar que esta estrada ten unha intensidade media diaria de máis de 15.000 vehículos.
Tras a autorización deste proxecto polo Consello da Xunta, a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación. As empresas poderán presentar ofertas ata o vindeiro 18 de maio.
Sinalou que unha vez se adxudiquen as obras, se axilizarán no posible para rematalas antes do prazo previsto, que son 6 meses, e se executarán en horario nocturno para minimizar a afección á veciñanza.
Explicou que esta actuación se desenvolverá ao longo de medio quilómetro neste viario, nas inmediacións da conexión coa estrada N-VI, co obxectivo de mitigar o ruído ambiental procedente do tráfico.
Este proxecto inclúe distintos traballos como a mellora de firme, a redución do límite de velocidade a 30km/h, a renovación de beirarrúas e aparcadoiros ou a mellora dos itinerarios peonís.
Allegue subliñou que estas actuacións fomentarán os traxectos a pé e diminuirán o uso de vehículos particulares, o que implica tamén unha redución do ruído.