Medio Rural inicia as mesas de diálogo co persoal do servizo de prevención e defensa contra os incendios para abordar melloras específicas por categoría
Tal e como se comprometeu nunha reunión coas diferentes organizacións sindicais no mes de marzo, mañá terá lugar a primeira destas xuntanzas
O obxectivo é estruturar un proceso ordenado de negociacións concretas para acordar as melloras vinculadas a técnicos, axentes medioambientais e bombeiros forestais de cara ao inicio da campaña de alto risco deste ano
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2026
A Consellería do Medio Rural, tal e como comprometeu nunha reunión coas diferentes organizacións sindicais no pasado mes de marzo, iniciará as mesas de diálogo co persoal do Servizo de Prevención e Defensa (SPIF) contra os Incendios Forestais para abordar melloras específicas por cada unha das categorías. Neste sentido, a secretaria xeral técnica da Consellería, Marta Forés; e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, presidirán mañá a primeira destas xuntanzas.
Deste xeito, a primeira mesa será cos bombeiros forestais, continuarase nos vindeiros días cos axentes medioambientais e cos técnicos forestais. O obxectivo é estruturar un proceso ordenado de negociacións concretas para acordar as melloras vinculadas a cada unha destas categorías de cara ao inicio da campaña de alto risco.
Nunha reunión previa coas organizacións sindicais en marzo, desde a Consellería transmitiuse a vontade de avanzar na cobertura de prazas de xeito áxil e, neste sentido, presentouse ante os sindicatos unha programación con fitos concretos. Ao mesmo tempo, tamén se trasladou o compromiso de apertura destas mesas de diálogo específicas para acordar melloras concretas.