A Xunta conciencia as novas xeracións en Vigo sobre a elección profesional sen prexuízos de xénero con exemplos do sector metalmecánico

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa participaron esta mañá no CPR Montesol nunha xornada no marco do programa ‘Que non te líen, ti elixes’, impartida por Asime

Pablo Fernández e Judith Fernández destacan que un total de 69 centros de secundaria se beneficiarán no último treito deste curso da iniciativa impulsada polas consellerías de Emprego e Educación, 27 deles na provincia de Pontevedra

Como novidade, neste curso introducíronse contidos relacionados coa presenza de homes en profesións consideradas tradicionalmente feminizadas, co obxectivo de rachar cos estereotipos de xénero nas diferentes profesións

Vigo, 28 de abril de 2026

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participaron esta mañá —no CPR Montesol de Vigo— nunha xornada impartida pola Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) no marco do programa Que non te líen, ti elixes impulsado polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Trátase dun dos 69 centros de secundaria (27 na provincia de Pontevedra) que están a recibir charlas no último treito do curso 2025-2026 a prol de que as mulleres escollan profesión atendendo ás súas capacidades ou motivacións persoais, sen deixarse limitar por prexuízos ou estereotipos de xénero.

Segundo destacaron os representantes autonómicos, a iniciativa busca seguir avanzando na presenza de mulleres en sectores como a automoción, o metal, o forestal, a construción, o marítimo-pesqueiro ou as TIC, contribuíndo a unha sociedade máis xusta e equitativa. Así, as charlas didácticas e debates promovidos nos centros seguen estando dirixidos por persoal de asociacións, fundacións ou clústeres de eidos con escasa representatividade feminina —como o caso de hoxe de Asime—, que poñen sobre a mesa cuestións como as condicións laborais dos diferentes ámbitos profesionais, que constatan maiores salarios para os empregos que adoitan estar ocupados por homes. Tamén poñen en valor mulleres referentes de éxito en ámbitos profesionais con reducida presenza feminina, para que poidan servir de exemplo ás novas xeracións.

Ademais, neste curso introducíronse como novidade contidos relacionados coa presenza de homes en profesións consideradas tradicionalmente feminizadas, co obxectivo de rachar cos prexuízos ou estereotipos de xénero nas diferentes profesións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/04/2026