Belén do Campo destaca en Ames o apoio da Xunta á internacionalización das pemes a través do programa Galicia Exporta Empresas co prazo aberto ata o 30 de setembro

A representante do Goberno visitou as instalacións da empresa Calor Color, beneficiaria o pasado ano das axudas deste programa que busca favorecer a proxección exterior e mellorar a competitividade internacional do tecido produtivo galego

Ames  (A Coruña), 29 de abril de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez, visitou hoxe en Ames as instalacións da empresa Calor Color, beneficiaria o pasado ano das axudas do programa Galicia Exporta Empresas, unha liña impulsada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para favorecer a proxección exterior e mellorar a competitividade internacional do tecido produtivo galego.

Durante a visita, a representante do Goberno galego coñeceu de primeira man as accións desenvolvidas pola firma grazas a este apoio autonómico, que lle permitiu reforzar a súa presenza en mercados internacionais e avanzar na súa estratexia de dixitalización para a internacionalización. Belén do Campo destacou que esta empresa conta con 24 traballadores e que exporta a países como Italia, Estados Unidos, Dubai, Alemania, Mexico ou Ecuador, entre outros.

En concreto, Calor Color levou a cabo un proxecto global de promoción exterior cun investimento total de máis de 103.000 euros, para o que contou cunha achega da Xunta superior aos 74.000 euros.

Belén do Campo explicou que esta axuda permitiu financiar actuacións de márketing e comunicación internacional, así como accións de dixitalización orientadas á apertura de novos mercados. Entre elas inclúense a participación nas feiras internacionais Euroluce 2025, celebrada en Milán, e Light Design Expo, en San Francisco, ademais da elaboración de catálogos promocionais específicos para ambas citas, a incorporación da empresa á plataforma especializada Archiproducts e a creación dunha nova canle de venda a través dunha plataforma de comercio electrónico.

A delegada salientou que “este tipo de iniciativas permiten ás empresas galegas dar un salto cualitativo na súa presenza exterior, acceder a novos clientes e consolidar a súa marca en mercados internacionais cada vez máis esixentes e competitivos”.

Impulso á internacionalización empresarial

Belén do Campo lembrou que a Xunta mantén como unha das súas prioridades o acompañamento ás pemes galegas no seu proceso de apertura ao exterior, “porque internacionalizarse é gañar en competitividade, en capacidade de crecemento e en estabilidade”.

Neste sentido, destacou que o programa Galicia Exporta Empresas apoia accións de promoción exterior que contribúen a mellorar o posicionamento das firmas galegas e reforzar a súa presenza internacional, mediante a participación en feiras e eventos, campañas de márketing e comunicación en mercados exteriores, prospección comercial, análise de novos destinos e proxectos de dixitalización e e-comerce.

A convocatoria deste ano 2026, segundo lembrou, conta cun orzamento global de 9 millóns de euros e mantén aberto o prazo de solicitude ata o vindeiro 30 de setembro.

“A Xunta activou xa a comezos de ano a maior parte das liñas de axuda do Igape para que o empresariado galego poida planificar con tempo os seus investimentos e as súas estratexias de crecemento. Queremos ser un aliado útil para que as nosas pemes poidan competir con garantías nos mercados internacionais”, indicou.

Máis de 1,5 millóns para 64 empresas da provincia da Coruña

Belén do Campo lembrou que o a convocatoria do ano pasado contou cun orzamento para toda Galicia de 8,3 millóns de euros. Nesta liña puxo en valor o impacto desta orde de apoios na provincia coruñesa, onde na convocatoria de 2025 resultaron beneficiarias 64 empresas pertencentes a 25 concellos, cun investimento autonómico total de máis de 1,5 millóns de euros que movilizaron máis de 2,5 millóns de euros.

No caso concreto da comarca de Santiago, repartíronse 16 axudas entre empresas dos concellos de Santiago, Teo e Ames, por un importe superior aos 377.000 euros  que movilizaron máis de 377.000 euros.

Belén do Campo subliñou que estes datos “amosan o dinamismo do tecido empresarial da comarca e a capacidade das nosas pemes para abrirse paso no exterior con produtos innovadores, deseño, calidade e valor engadido”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/04/2026