Medio Rural reforza a súa cooperación coa Asociación Galega de Apicultura en materia de fomento da calidade e promoción dos seus produtos

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, mantivo este mediodía unha xuntanza de traballo con representantes da Asociación Galega de Apicultura. O encontro centrouse en intensificar a colaboración entre ambas partes a prol deste sector, en eidos como a promoción e comercialización do mel de Galicia e na formación para o sector; así como na apertura de liñas de investigación sobre algunhas das principais enfermidades que afectan ás colmeas, como a varroose.

Cómpre lembrar, neste sentido, que o mel galego está amparado por unha Indicación Xeográfica Protexida (IXP) que acada unha produción comercializada de máis de 200.000 quilos anuais, xerando un valor económico estimado de arredor de 1,8 millóns de euros. Precisamente, a cooperación co tecido produtivo e cos consellos reguladores destes produtos con selos de calidade diferenciada constitúe unha das liñas prioritarias do labor que desempeña a Consellería do Medio Rural.

Data de actualización: 04/05/2026