O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración respondeu no Pleno do Parlamento a unha pregunta e a unha interpelación relacionadas coa actividade da Consellería

A Xunta avoga por reforzar a transversalidade do diálogo social para avanzar cos axentes sociais no consenso de aspectos prioritarios do mercado laboral

González sinala que co decreto de Diálogo Social, publicado hai uns días no DOG, Galicia dá un paso máis na consolidación desta ferramenta clave na interlocución social e conta cun marco regulado e permanente para abordar retos

Refírese á necesidade de tratar neste espazo de negociación cuestións como a formación útil, a conciliación, a igualdade, a seguridade e o benestar no ámbito laboral

Lembra que se levará a este espazo de interlocución social o deseño dun plan integral para reducir o impacto do absentismo, partindo do total respecto aos dereitos dos traballadores e co foco na prevención de riscos e no benestar laboral

Salienta a seguridade e saúde no traballo como outra das cuestións clave a abordar no Diálogo Social e que é unha das prioridades do Goberno galego reflectida no labor do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou hoxe a aposta da Xunta por reforzar a transversalidade do Diálogo Social para “acadar consensos e solucións conxuntas ás cuestións de interese e inquedanzas do tecido laboral galego”. Así o expuxo no Parlamento en resposta a unha pregunta relacionada con este tema.

Alí tamén indicou que, logo de máis de 20 anos de funcionamento do Diálogo Social en Galicia, con esta normativa, publicada hai uns días no Diario Oficial de Galicia, a comunidade “dá un paso máis e conta cun marco regulado e permanente para abordar os grandes retos do mercado laboral, cuestión especialmente importante nun momento de profundos cambios”.  

De feito, o decreto regula a Mesa de Diálogo Social de Galicia, da que forman parte o Goberno galego e os axentes sociais — as organizacións sindicais Comisións Obreiras e UGT Galicia e a patronal, a través da Confederación de Empresarios de Galicia—. Neste ámbito, o conselleiro lembrou que o Goberno galego tamén convidou á Confederación Intersindical Galega (CIG) a formar parte deste espazo e lamentou que esta invitación foi rexeitada.

En concreto o decreto establece a composición, organización e funcionamento do Diálogo Social e servirá para actualizar a composición das mesas que forman parte del. Actualmente estas mesas son a Mesa de Emprego, que inclúe os grupos de traballo de Políticas activas de emprego e flexibilidade da formación, prevención de riscos laborais e absentismo laboral e Igualdade laboral e a Mesa de Economía e Industria, cos grupos de traballo de Industria e enerxía, Naval e Automoción.

Como exemplo do traballo a realizar no seo deste espazo de negociación, José González referiuse á necesidade de tratar cuestións como a formación útil, a conciliación, a igualdade, a seguridade e o benestar no ámbito laboral. Neste eido, e en relación ao absentismo laboral, lembrou que nas vindeiras semanas se levará a este espazo para dialogar con sindicatos e patronal o deseño das primeiras medidas dun plan integral para reducir o seu impacto, partindo do máximo respecto aos dereitos das persoas traballadoras e co foco na prevención de riscos laborais e no benestar laboral. Neste contexto, incidiu en que isto se debe facer “con datos, sensatez e diálogo social, nunca con demagoxia ou conflito permanente. Porque Galicia avanza máis cando aposta polo entendemento, a responsabilidade e o traballo útil”, subliñou

Seguridade e saúde no traballo

Ademais, o conselleiro respondeu a unha interpelación relacionada coa seguridade e saúde no traballo, cuestión que é unha das prioridades da Xunta, subliñou, e trasladou a solidariedade o apoio do Goberno galego a todas as familias das persoas que perderon a vida nun accidente laboral. De feito, explicou que o Goberno galego traballa con sindicatos e patronal na prevención de riscos laborais no seo do Diálogo Social no que, ademais do plan integral para reducir o impacto do absentismo, abordará novas medidas como a Estratexia de benestar laboral e Responsabilidade Social Empresarial.

En relación cos datos sobre sinistralidade laboral, aclarou que ata febreiro Galicia reduciu en máis dun 4% os accidentes con baixa en xornada laboral en comparación co mesmo período do ano pasado e no 2025 baixou preto dun 20 % os mortais e dun 10% os graves. Non obstante, expuxo “ningún dato pode levar á autocompracencia” e que é necesario seguir actuando con todos os recursos dispoñibles. 

En paralelo, destacou a actividade do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, que conta cun orzamento de 8 M€ para este ano, así como o pulo ao seu capital humano e material. En concreto referiuse á Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia Horizonte 2027 e o Plan de Actuación do Issga 2026, así como ás campañas de prevención, formación e asesoramento técnico, ferramentas consensuadas cos axentes sociais. Tamén destacou a participación da Xunta na Estratexia española de seguridade e saúde no traballo e coa Inspección de traballo na investigación de cada accidente grave e mortal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/05/2026