A Xunta defende o pulo á medicina do traballo a prol da saúde laboral
Vigo, 8 de maio de 2026
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado pola xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe en Vigo no acto de inauguración da II Xornada luso-galaica de medicina do traballo. Alí fixo fincapé na importancia de potenciar a medicina do traballo a prol da saúde laboral. Tamén destacou o labor do Issga ao abeiro da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 e o seu papel como órgano técnico da Administración galega na prevención de riscos laborais.
Un papel que se visibiliza, indicou, na difusión do coñecemento en materia preventiva participando en actividades coma esta organizada pola Sociedade Galega de Medicina do Traballo, integrada por especialistas en medicina e enfermaría do traballo, sanidade, marítima, inspección médica e inspección do Instituto Nacional de la Seguridad Social (INSS).