A Xunta destaca o papel da Feira do viño de Pantón para promocionar a zona e enxalzar a singularidade dos seus caldos

O delegado territorial, Javier Arias, destaca o compromiso do Goberno galego co sector vitivinícola e co impulso turístico da Ribeira Sacra, con iniciativas como as Rutas dos Viños, que chegan de novo a este destino entre o 29 e o 31 de maio

Pantón (Lugo), 8 de maio de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na inauguración da 31ª Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón, que se prolongará durante toda a fin de semana. Oito adegas participan na festa, declarada de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2022.

Nesta primeira xornada tamén visitaron o recinto feiral a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; e a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez.                                            

Arias destacou o papel desta feira para promocionar todos os recursos turísticos de Pantón e para enxalzar a viticultura da zona, cuxo carácter diferenciador vén dado pola súa situación xeográfica, ao atoparse entre as ribeiras de tres ríos - Cabe, Sil e Miño -.

Salientou tamén que a Ribeira Sacra non se entende sen a produción de viño, unha das actividades que singularizan a paisaxe e a realidade socioeconómica deste territorio. Nese sentido, apuntou o compromiso da Xunta co sector vitivinícola desta área, cunha liña de axudas específica da Consellería do Medio Rural para a conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión de viñedos na Ribeira Sacra, dotada cun orzamento de 1,5 millóns de euros. Arias enmarcou esta medida no conxunto dos apoios do Goberno galego ao sector do viño na Comunidade, que suman arredor de 12 millóns de euros anuais.

O delegado sinalou ademais o impulso da Xunta ao enoturismo, con iniciativas tan  consolidadas como a Primavera de Portas Abertas nas Rutas dos Viños, que este ano cumpre a súa 15ª edición. A Ribeira Sacra contará con cinco buses do viño entre o 29 e o 31 de maio.

Actividades da feira

A feira mantén actividades complementarias que xa se celebraron o ano pasado, como a cata maridaxe Sabores da Ribeira Sacra. Ademais, nesta edición incorpora a primeira cata popular, con dúas sesións no recinto feiral.

Outras propostas son a IX Festa da Empanada e o Brinde do Viño, que se celebra simultaneamente en diferentes zonas produtoras de viño de España para reivindicar o valor dos caldos con denominación de orixe.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2026