A Xunta presenta na Arnoia unha nova unidade didáctica do Proxecto Artesanía na Escola centrada nos Sanandresiños
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta mañá ata o CEIP San Salvador da Arnoia para presentar o terceiro dos libros que forman parte deste proxecto
No evento participou tamén Jorge Bellón, protagonista da unidade didáctica ‘Eu son artesán de figuras de pan’, que realizou unha demostración da elaboración destes amuletos típicos de Santo André de Teixido (Cedeira)
Artesanía na Escola é un programa da Fundación Artesanía de Galicia co que se busca divulgar entre os escolares de Primaria os oficios tradicionais como profesión de futuro e concienciar do valor do produto artesanal e da marca Artesanía de Galicia
A Arnoia (Ourense), 12 de maio de 2026
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración presentou esta mañá no CEIP San Salvador da Arnoia a terceira unidade didáctica do proxecto Artesanía na Escola, dedicada ás figuras de miga de pan tradicionais de Santo André de Teixido (Cedeira), coñecidas como sanandresiños. No acto participaron o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, o alcalde da Arnoia, Rodrigo Aparicio, e o artesán Jorge Bellón, protagonista de Eu son artesán de figuras de pan, quen realizou unha demostración do seu oficio para o alumnado do centro.
Eu son artesán de figuras de pan céntrase no oficio tradicional de elaboración dos sanandresiños, unhas pezas artesanais moldeadas con fariña e pintadas á man que forman parte da tradición popular galega vinculada a Santo André de Teixido. O artesán Jorge Bellón dedícase á reprodución destes amuletos ancestrais, que se empregaban tradicionalmente para apelar a protección do santo en diferentes aspectos da vida: a flor para o amor, a barca para as viaxes, o santo para a saúde e para a amizade, a sardiña para o alimento, a man para os estudos, a escaleira para o traballo, a coroa para a protección e a pomba para a paz.
A través de ilustracións e dunha linguaxe adaptada para o alumnado de Primaria, explícase o papel que desenvolveron estes amuletos na zona e como é a súa elaboración. Nas fichas –que se entregan só en formato dixital– repásanse diferentes conceptos explicados no libro. Para complementar este traballo nas aulas, a Fundación Artesanía de Galicia programará demostracións de Jorge Bellón en diferentes centros de ensino que participan no proxecto.
Artesanía na Escola
Artesanía na Escola é un programa de divulgación impulsado pola Xunta dende o ano 2023 dirixido a achegarlle os oficios artesanais e os valores da artesanía aos nenos e nenas de colexios de toda Galicia. Os obxectivos deste programa son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico; poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos; divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea; transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular; e por último, a longo prazo, atallar o relevo xeracional nos oficios artesanais.
O proxecto Artesanía na Escola comezou con Eu son zoqueira, unha unidade didáctica dedicada ao oficio dos zoqueiros, a través da figura de Elena Ferro, responsable do taller Eferro (Merza, Vila de Cruces), un obradoiro familiar activo dende o ano 1915 e que veu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019. Elena Ferro destaca polo seu traballo cun produto característico da tradición rural: os zocos de madeira, que sufriron unha época de crise cando quedou en desuso e só se empregaba para o traxe tradicional. Esta artesá conseguiu un cambio no valor de uso deste calzado de traballo, outórgalle un novo significado a este produto sen arrebatarlle a súa esencia e reinventouno como complemento de moda con constantes innovacións en deseños, materiais e cores.
Pola súa banda, Xosé Manuel Salvado Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela) é o protagonista da segunda das unidades didácticas de Artesanía na Escola. Eu son artesán de percusión tradicional está centrada na historia e elaboración dun dos instrumentos máis tradicionais de Galicia, a pandeireta.