O presidente da Xunta visitou esta mañá as instalacións renovadas da cooperativa no polígono do Tambre
Rueda pon a Covirán como exemplo de éxito da economía social e destaca a súa aposta por Galicia coa modernización da súa plataforma loxística
Salienta o papel destas fórmulas empresariais para xerar riqueza e fixar poboación
Agradece o compromiso da firma cos provedores locais e a súa contribución a que os produtos ‘Galicia Calidade’ cheguen aos consumidores a través dun modelo de proximidade
A Xunta está a tramitar unha nova Lei de cooperativas para ofrecer máis seguridade xurídica, simplificar trámites e adaptarse ás novas realidades do mercado
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a traxectoria e o compromiso do grupo Covirán co desenvolvemento económico de Galicia. Durante unha visita á súa plataforma loxística no polígono compostelán do Tambre, o titular do Executivo autonómico puxo en valor o esforzo da cooperativa por modernizar e ampliar estas instalacións para facelas máis competitivas, o que cualificou como unha proba da súa aposta pola comunidade.
“Somos unha terra de cooperativismo”, apuntou Rueda, que estivo acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González. Así, sinalou que o feito de que un referente da economía social decida seguir progresando e medrando en Galicia é un orgullo para a Administración autonómica, que sempre dá a benvida a todas as iniciativas que xeran riqueza e emprego.
De feito, para seguir fomentando este modelo, a Xunta está a traballar nunha nova Lei de cooperativas para proporcionar maior seguridade xurídica, axilizar os trámites administrativos e dotar ao sector de ferramentas máis eficaces e adaptadas á realidade actual.
Rueda, que tamén felicitou á entidade polos seus 65 anos de historia desde a súa fundación en Granada, valorou ademais o seu modelo baseado na proximidade, que resulta fundamental nunha comunidade cunha poboación tan dispersa como a galega e evita o peche de moitos pequenos negocios familiares, ao tempo que facilita o acceso a produtos básicos en todo o territorio. “Hai concellos onde vostedes son un recurso imprescindible para moitos veciños que necesitan ter un lugar preto onde ir mercar”, indicou, ao tempo que asegurou que este factor tamén axuda a fixar poboación.
Ademais, agradeceu que a cooperativa confíe nos provedores locais, actuando como unha canle esencial para os produtos amparados polo selo ‘Galicia Calidade’, “unha marca que é unha identificación de como queremos facer aquí as cousas, non só do que producimos”.