O titular de Ciencia da Xunta participou na presentación dos resultados da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA) en 2025

Os centros tecnolóxicos captaron 49 M€ para innovación en sectores punteiros para a economía galega

AIMEN, ANFACO-CYTMA, CETIM, CTAG, GRADIANT e ITG lograron 33 M€ en convocatorias nacionais e autonómicas, 16 M€ de Europa e acadaron uns ingresos conxuntos de 117,8 M€ no 2025

Empregan a preto de 1.900 profesionais de 36 nacionalidades e desenvolven máis de 500 proxectos de I+D+i cada ano

Román Rodríguez destaca que os avances na innovación en sectores punteiros para a economía galega son clave para unha I+G+i de vangarda

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2026

Os centros tecnolóxicos galegos, axentes clave para a innovación empresarial e para a modernización de sectores punteiros na economía galega, captaron 49 M€ para I+D+i en 2025, uns resultados que reforzan o seu papel fundamental no avance da Galicia Calidade. AIMEN, ANFACO-CYTMA, CETIM, CTAG, GRADIANT e ITG, que conforman a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA), lograron 33 M€ en convocatorias nacionais e autonómicas e 16 M€ en fondos europeos. Ademais, conseguiron uns ingresos conxuntos de 117,8 M€. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou na presentación de resultados o papel fundamental que desempeñan os centros tecnolóxicos galegos no impulso á I+G+i galega.

Román Rodríguez, acompañado do presidente de ATIGA, Jesús A. Lago ; o director xeral, Fernando Val, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, resaltou a capacidade dos centros tecnolóxicos galegos para captar fondos en convocatorias altamente competitivas a nivel europeo, nacional e autonómico. Ademais, subliñou o papel destes axentes na dinamización da innovación empresarial, colaborando como socios do tecido produtivo en proxectos estratéxicos. Ademais do impacto económico dos centros tecnolóxicos integrados en ATIGA, contribúen ao desenvolvemento social,  dando emprego a preto de 1.900 persoas de 36 nacionalidades, con máis de 500 proxectos de I+D+i cada ano.

Por último, sinalou a contribución destes centros á internacionalización da I+G+i, aumentando o seu peso entre as entidades galegas no programa marco de I+D+i comunitario e situando a Galicia como líder en España en retornos obtidos en ámbitos como industria e mantemento e ocupando unha posición destacada en temáticas como seguridade civil. Precisamente, co obxectivo de fomentar a transferencia de tecnoloxía ao tecido produtivo e a internacionalización da I+G+i, a Xunta de Galicia leva colaborando con ATIGA desde 2015, a través de convenios de colaboración que suman un apoio de 1 M€. Ademais, leva apoiado con máis de 200 millóns de euros desde 2009 aos centros tecnolóxicos que conforman esta alianza. Román Rodríguez afirmou que Galicia está avanzando con paso firme para consolidarse como un referente en I+D+i conectando talento, empresa e financiación europea.

No ámbito europeo, entre 2021 e 2025, as entidades integradas en ATIGA captaron máis de 50 M€ en Horizonte Europa, superando así a financiación obtida en todo o periodo de Horizonte 2020 (2014-2020). Deste xeito, representan o 26,6% da financiación europea captada por Galicia, reforzando a súa posición como motor de internacionalización e transferencia tecnolóxica da Comunidade.

De aeronáutica a prevención de incendios

Como exemplos dos avances dos centros tecnolóxicos, AIMEN coordinou desde O Porriño o proxecto europeo CAELESTIS para avanzar cara unha aviación máis limpa e con menores emisións. Este centro validou un demostrador aeronáutico a escala real que reduce un 35% o peso e un 80% os defectos de fabricación. ANFACO-CYTMA desenvolveu en Vigo o primeiro prototipo industrial para a produción intelixente de microalgas e CETIM, ubicado en Culleredo, validou en distintas zonas de Europa tecnoloxía propia para mitigar os efectos do cambio climático no ciclo da auga.

Pola súa parte, o CTAG, centro situado no Porriño, impulsou un servizo piloto de shuttle autónomo e eléctrico como solución de mobilidade intelixente no Campus de Vigo e GRADIANT, situado en Vigo, liderou Blossom, un proxecto orientado ao deseño de sistemas fotónicos autónomos, ultraeficientes e de baixo consumo, con aplicación directa en intelixencia artificial, telecomunicacións e sector aeroespacial. ITG desenvolveu desde A Coruña para Abanca unha solución avanzada de prevención de incencios forestais baseada en hangares robotizados con drons autónomos e instalada en tres puntos críticos de Galicia con elevado risco de incendios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2026