O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participou na inauguración do VIII Congreso Flúor, acompañado polo director de Turismo de Galicia e o secretario xeral de Emprego

López Campos destaca a contribución do sector da publicidade á difusión e prestixio da imaxe de ‘Galicia Calidade’

O representante de Cultura do Goberno galego celebra que os creativos galegos se sumen con “audacia e orixinalidade” á divulgación desta marca que erixe como “orgullo colectivo”

Pontevedra, 14 de maio de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañados polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participaron esta mañá na inauguración do VIII Congreso Flúor, un dos principais encontros do sector da comunicación, márketing e creatividade en Galicia, que reúne medio milleiro de profesionais en Pontevedra.

Durante a súa intervención, o responsable autonómico de Cultura destacou a contribución do sector da publicidade “á difusión e prestixio da imaxe de Galicia Calidade que tanto e tan ben no representa e nos identifica”. Ademais, gabou os estilos creativos das campañas deste sector “nas que se capta con orixinalidade a esencia que define a nosa Comunidade, que coida e bebe da tradición e respecta o legado dos nosos antepasados, pero que non deixa de innovar e mudar sen perder nunca a orixe”.

Neste senso, López Campos celebrou que esta actividade profesional se sume á divulgación dos “valores de excelencia” da Comunidade “cunha cultura e lingua propias, ateigada de talento, que devece por amosala ao mundo, ao tempo que se abre ás tendencias e correntes máis actuais”.

Por estes motivos, considerou “estratéxico” o papel dos profesionais galegos de publicidade e márketing pola súa “audacia na creación de novas narrativas, capaces de conxugar tradicións cos emerxentes formatos de consumo e mesmo focalizalo en novos intereses sociais”. “Impulsades que, cada vez máis persoas, se acheguen a gozar da nosa Galicia Calidade,  un obxectivo que debe ser un reto de país, pero sobre todo xa é, na actualidade, un orgullo colectivo”, aseverou para concluír.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/05/2026