A Xunta destaca na Coruña a importancia de consolidar progresivamente a cultura do benestar laboral a través dunha visión integral da saúde
A Coruña, 15 de maio de 2026
A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, asistiu hoxe á Xornada de promoción da saúde no traballo: cultura preventiva e sostibilidade organizada na súa sede da Coruña pola empresa Tecdesoft, especializada en solucións para a automatización integral de procesos industriais. No encontro e visita ás instalacións, a xerente destacou a importancia de introducir e consolidar progresivamente a cultura do benestar laboral a través dunha visión integral da saúde, tendo en conta os aspectos físico, mental e emocional, así como o familiar, o social e o financeiro.
Así, lembrou que a Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 persegue —entre outros obxectivos— potenciar accións para a promoción da saúde no traballo e a consecución do benestar laboral coa meta de xerar e consolidar organizacións saudables e sostibles. Unha máxima que tamén centrará a elaboración da Estratexia galega de benestar laboral no marco do Diálogo Social.