Medio Rural amplía a formación continua do persoal de prevención e defensa contra incendios forestais con ata 14 cursos no segundo trimestre de 2026

A conselleira María José Gómez visitou esta semana as instalacións do CILL de Toén, con motivo das dúas accións que se están impartindo actualmente nestas instalacións, unha para bombeiros forestais e outra para directores técnicos de extinción

Gómez destacou a importancia da formación continua deste persoal para mellorar na loita fronte o lume e sinalou que esta materia constitúe unha prioridade para a Xunta

Ao longo do 2025 leváronse a cabo un total de 25 cursos, que se distribuíron en preto de 250 edicións, coa participación de case 5.900 profesionais

Toén (Ourense), 17 de maio de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou esta semana o Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) de Toén para coñecer de primeira man a formación que se está a impartir aos profesionais do Servizo de Prevención e defensa contra Incendios Forestais (SPIF) da Xunta. A conselleira, que estivo acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, destacou a importancia da formación continua deste persoal para mellorar na loita fronte ao lume e sinalou que esta materia constitúe unha prioridade para o Goberno galego.

Nesta liña cómpre salientar que a oferta formativa prevista inicialmente para este segundo trimestre incrementouse con dous novos cursos que se están impartindo actualmente no CILL. Así, en total, o número de accións a realizar no devandito período ascende a 14, cun total de 40 edicións e a participación de máis de mil profesionais. Estes dous cursos van dirixidos, por unha parte, á mellora da eficiencia operativa dos bombeiros forestais e, por outra, á actualización de procedementos e mellora de coñecementos en materia de incendios forestais para directores técnicos de extinción.

No primeiro caso, a acción formativa para os bombeiros forestais estrutúrase nunha fase de teleformación e noutra xornada presencial práctica no CILL. O curso ten como obxectivo actualizar coñecementos, mellorar a coordinación e reforzar procedementos de traballo orientados a incrementar a eficacia e a seguridade nas intervencións en incendios forestais. Entre os seus contidos figuran materias relacionadas cos índices de risco de lume, a tipoloxía de combustibles, as operacións de extinción na interface urbano-forestal, o factor humano nas emerxencias por incendios e os lumes con comportamentos extremos.

Por outra banda, e de xeito paralelo, as instalacións do CILL acollen o curso de actualización de procedementos en materia de incendios forestais para directores técnicos de extinción. A finalidade desta acción é dotar ao persoal participante dos coñecementos básicos e da actualización técnica necesaria para o desempeño das súas funcións, especialmente no relativo á análise e planificación da extinción, seguridade, comunicacións e coordinación operativa.

Programación da Consellería

Estes cursos intégranse na programación da Consellería do Medio Rural para o segundo trimestre deste ano. As accións programadas abranguen aspectos como a formación básica en investigación de lumes, o manexo de maquinaria, a utilización de datos e imaxes de satélite aplicados á extinción ou as ferramentas de xestión emocional e auto-coidado na emerxencia por incendios forestais. Tamén, a análise dos lumes, as operacións avanzadas para xefes de brigada, a xestión de medios aéreos desde os centros de coordinación, as brigadas helitransportadas, as motobombas, a mellora da eficiencia do SPIF ante o risco extremo por incendios, o apoio na xestión das operacións desde os centros de coordinación e a actualización de procedementos para directores técnicos de extinción.

Todo isto forma parte do Plan de Formación do persoal do SPIF, que á súa vez se integra no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2026). Cabe destacar, neste sentido, que durante o 2025 leváronse a cabo un total de 25 cursos, que se distribuíron en preto de 250 edicións, coa participación de case 5.900 alumnos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/05/2026