Medio Rural desenvolverá un novo pasteiro de 29 hectáreas en Xunqueira de Espadanedo cun investimento de preto de 190.000 €
A conselleira María José Gómez anunciouno hoxe nun encontro con gandeiros da zona no marco da celebración da II Mostra de Gando da localidade
Este pasteiro situarase no monte veciñal en man común de Barrio, Carballeira e Casanova e dotará de máis base territorial para gando, contribuíndo ao mesmo tempo a controlar a vexetación nestas parcelas, o que favore a prevención de incendios
Desde 2020, o Goberno galego mobilizou co Plan de Pastos de Galicia case 2.500 hectáreas, distribuídas en 106 pasteiros e investiu uns 15 millóns de euros
Xunqueira de Espadanedo (Ourense), 15 de maio de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, anunciou hoxe o desenvolvemento dun novo pasteiro no concello de Xunqueira de Espadanedo, en terreos do monte veciñal en man común de Barrio, Carballeira e Casanova,cun investimento de preto de 190.000 euros. Así o avanzou nun encontro con gandeiros, no marco da II Mostra de Gando que se está a celebrar na localidade.
A nova infraestrutura ocupará unha superficie de 29 hectáreas, nas que se levarán a cabo traballos de roza, encalado, abonado e sementado, entre outras actuacións. A maiores, tamén se construirá un peche gandeiro, instalaranse portas e unha manga de manexo e disporá dun bebedoiro.
A titular de Medio Rural sinalou que con este pasteiro os veciños da contorna contarán con máis base territorial para o seu gando, contribuíndo ao mesmo tempo a controlar a vexetación nestas parcelas, o que favorece a prevención de incendios. Gómez engadiu que os pasteiros son un modelo de aproveitamento do territorio sustentable e compatible coa preservación do patrimonio natural e que impulsan, ademais, a gandaría en extensivo.
Por iso, a conselleira reafirmou a intención da Xunta de seguir traballando, da man dos propietarios do monte, con iniciativas como esta, para garantir un rural máis produtivo, protexido en con futuro. Deste xeito, ao longo deste ano está prevista a posta en marcha de novos pasteiros nas catro provincias galegas, como son este de Xunqueira de Espadanedo e o anunciado a pasada semana en Viveiro.
Esta nova infraestrutura forma parte do Plan de Pastos de Galicia, co que Medio Rural mobilizou desde 2020 case 2.500 hectáreas, distribuídas en 106 pasteiros e cun investimento conxunto que rolda os 15 millóns de euros.