Un total de 64 asociacións de defensa sanitaria gandeira recibirán 2,38 M€ da Xunta para reforzar o bo status sanitario do gando en Galicia

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no DOG a resolución pola que se dá publicidade a estas axudas, coas que se financiarán os gastos da compra de material funxible e facilitarase a contratación de 162 persoas veterinarias

O obxectivo principal é avanzar na mellora do estado sanitario das explotacións galegas, que son referentes a nivel nacional, mediante a execución de programas zoosanitarios comúns para a prevención e control de enfermidades dos animais

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2026

 A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeira (ADSG) de Galicia. Así, a Xunta destinará neste 2026 un total de 2,38 millóns de euros a 64 entidades deste tipo, co obxectivo de seguir avanzando na consolidación dun bo status sanitario da cabana gandeira da nosa comunidade.

Cómpre destacar que se beneficiará á totalidade de ADSG existentes e que se esgotou a contía da convocatoria, publicada a finais de 2025. Con estes fondos financiaranse os gastos derivados da compra de material funxible como luvas e calzas, así como tubos de extracción de sangue e agullas. Ademais, facilitarase a contratación de 162 persoas veterinarias para planificar e executar os programas sanitarios que desenvolven estas entidades.

O obxectivo principal destas subvencións é avanzar na mellora deste estado sanitario mediante a execución de programas zoosanitarios comúns para a prevención e control de enfermidades dos animais. As axudas serven para abordar o control de determinadas enfermidades que habitualmente non son obxecto de programas nacionais, o que permite manter o excelente status sanitario da cabana gandeira galega, referente a nivel nacional, e garantir a rendibilidade das explotacións e a comercialización dos animais e dos seus produtos.

Colaboración na vixilancia de doenzas

A maiores, coa solicitude de axuda, as ADSG comprométense na execución de todas as medidas adicionais en materia sanitaria que sexan necesarias nas explotacións a elas adheridas, segundo as condicións sanitarias da zona e as características particulares de cada agrupación, polo que poden colaborar na vixilancia de doenzas como a lingua azul ou a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE). Así mesmo, a través destas achegas preténdese estimular a integración de gandeiros na ASDG.

Estas asociacións están constituídas por gandeiros para a elevación do nivel sanitario-zootécnico das súas explotacións mediante o establecemento e execución de programas de profilaxe, loita contra as enfermidades animais e mellora das súas condicións hixiénicas, que permitan mellorar o nivel produtivo e sanitario dos seus produtos.

A pertenza a este tipo de agrupacións constitúe unha garantía sanitaria para as explotacións. O soporte técnico co que contan as ADSG, unido á cada vez maior profesionalización do sector gandeiro integrado nelas, redunda nun nivel sanitario cada vez maior, o que se traduce na mellora das producións e na comercialización sen trabas de animais e produtos na nosa comunidade.

Estas agrupacións constitúen ademais unha peza fundamental na rede de epidemiovixilancia sanitaria de Galicia, están a desenvolver un papel substancial no asesoramento e mantemento dunhas correctas medidas de vixilancia sanitaria e de bioseguridade das explotacións gandeiras, e colaboran estreitamente cos servizos veterinarios oficiais.

Enlace á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260519/AnuncioG0426-080526-0001_gl.html

Data de actualización: 19/05/2026