A Xunta lanza a convocatoria para a selección dunha persoa encargada de dinamizar o novo espazo coworking de Muimenta en Carballeda de Avia
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Concello de Carballeda de Avia, coa colaboración de Sende, Anceu Coliving e Fundación RIA, promoven o proxecto ‘Muimenta Viva’ para favorecer a activación social e o emprendemento no rural
Neste marco, vén de publicarse a convocatoria para seleccionar a persoa responsable de coordinar a iniciativa mediante unha estadía de seis meses para promover actividades, organizar encontros e reforzar a relación cos axentes locais
A iniciativa permitirá sentar as bases para consolidar un futuro modelo pioneiro de coliving rural público, consolidando a aposta da Xunta polo emprendemento ligado ao territorio e na liña doutros proxectos pioneiros como Fixar
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2026
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Concello de Carballeda de Avia impulsan o proxecto Muimenta Viva, unha iniciativa orientada á activación dun espazo coworking de convivencia, emprendemento e dinamización territorial na aldea de Muimenta. O proxecto conta coa colaboración da Asociación Cultural Sende e de Anceu Coliving, responsables da coordinación e dinamización da iniciativa, así como da Fundación RIA, encargada do acompañamento técnico no desenvolvemento do programa.
Neste contexto, vén de publicarse a convocatoria para seleccionar a persoa responsable da coordinación deste coworking mediante unha estadía en Muimenta durante seis meses. A súa función será promover actividades comunitarias, coordinar encontros e residencias creativas e facilitar a relación coa veciñanza e cos distintos axentes do territorio. Deica decembro de 2026, o programa contempla ademais a organización de encontros participativos e residencias temporais de carácter creativo e profesional, contribuíndo á activación continua dos espazos públicos da aldea e á creación de novas dinámicas sociais e comunitarias.
A actuación permitirá avanzar na posta en valor das infraestruturas rehabilitadas nos últimos anos para promover novos usos sociais, culturais e comunitarios. Muimenta dispón actualmente dunha serie de equipamentos públicos rehabilitados, entre os que se atopan a Praza da Festa, unha cociña comunitaria, unha vivenda pública e o novo centro social, creando un contexto favorable para desenvolver novos proxectos sociais, culturais e profesionais no rural.
Con Muimenta Viva, a Xunta continúa promovendo proxectos innovadores ligados ao desenvolvemento do rural, na liña da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio e doutros proxectos pioneiros como Fixar, promovido coa Asociación Cultural Asociación Cultural Sende e integrado polos espazos de Sende (Lobeira, Ourense), Anceu Coliving (Ponte Caldelas, Pontevedra) e iSlow (Laxe, A Coruña).
A través deste tipo de actuacións, o Goberno galego busca atraer talento emprendedor e novos perfís profesionais ao rural galego, favorecendo que atopen no rural oportunidades para desenvolver proxectos, crear redes de colaboración e contribuír ao desenvolvemento económico e social da contorna, aproveitando as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías e os actuais modelos de mobilidade laboral.
Ligazón á convocatoria: