Medio Rural mellorará servizos básicos no núcleo de Dacón, en Maside, para contribuír á fixación de poboación

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, reuniuse hoxe co alcalde desta localidade ourensá, José Manuel Iglesias  

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2026

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, mantivo hoxe unha reunión co alcalde de Maside, José Manuel Iglesias, para dar conta da recente resolución das novidosas axudas para mellorar servizos básicos nas contornas rurais e favorecer así á fixación de poboación, da que esta localidade é beneficiaria para a reforma dun espazo deportivo en Dacón.

En total son 53 os concellos galegos beneficiarios cun investimento de 5 millóns de euros, ao abeiro do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027. Estes fondos permiten acometer diferentes actuacións para mellorar os servizos básicos, como poden ser obras de mellora nas redes de alumeado público ou a execución de construción e a rehabilitación de espazos públicos, dependencias municipais e instalacións deportivas. Ademais, poden restaurarse elementos patrimoniais e a súa contorna, no caso de ser necesario, e afondar na mellora de servizos asistenciais e culturais.

Neste sentido, subvenciónase a construción, adquisición ou mellora de inmobles, terreos ou obras e maquinarias e bens de equipo necesario. Os proxectos beneficiados reciben unha porcentaxe de subvención equivalente á totalidade dos gastos subvencionados, cunha axuda máxima de 100.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2026