A Xunta impulsa a formación entre os centros comerciais abertos para consolidar a súa xestión

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta semana en Santiago as persoas participantes na primeira sesión formativa do programa executivo en xestión e transformación comercial destinado a profesionais e responsables de áreas comerciais urbanas e promovido pola Xunta. Deica o próximo 19 de xuño, abordarase a situación actual do comercio, a xestión dos centros comerciais abertos, estratexias de comunicación, técnicas de negociación ou de mobilización de asociados co gallo de dar resposta aos retos que afronta o sector e ás novas tendencias de consumo.

A acción enmárcase no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que sitúa como un dos seus obxectivos estratéxicos o de Impulsar a mellora da competitividade para consolidar un sector comercial moderno, atractivo e de calidade. Entre outras accións, recóllese para acadar ese propósito a formación e a transmisión de coñecementos a prol da capacitación profesional e da captación e retención de talento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2026