A Xunta amosa en Cariño o oficio da elaboración de ‘sanandresiños’ co proxecto Artesanía na Escola
O artesán Jorge Bellón, protagonista da unidade didáctica Eu son artesán de figuras de pan, realizou esta mañá unha demostración da creación destes amuletos típicos de Santo André de Teixido para o alumnado do CEIP Manuel Fraga Iribarne
A Fundación Artesanía de Galicia impulsa este proxecto de divulgación entre os máis pequenos no que se presentan os oficios artesanais como unha profesión de futuro e co que se contribúe a concienciar sobre o valor da marca Artesanía de Galicia
Cariño (A Coruña), 27 de maio de 2026
A Fundación Artesanía de Galicia impulsou esta mañá en Cariño unha nova demostración artesanal no marco do seu proxecto Artesanía na Escola. O artesán Jorge Bellón (Cedeira), especializado na elaboración de figuras de miga de pan típicas de Santo André de Teixido, achegouse ata o CEIP Manuel Fraga Iribarne, como complemento á unidade didáctica Eu son artesán de figuras de pan, na que estiveron traballando os nenos e nenas previamente.
Eu son artesán de figuras de pan céntrase no oficio de elaboración das tradicionais figuras de pan típicas de Santo André de Teixido (Cedeira), os sanandresiños, moldeados con fariña e pintados á man. O artesán Jorge Bellón dedícase a reproducir estes amuletos ancestrais que se empregaban tradicionalmente para apelar a protección do santo en diferentes aspectos da vida: a flor para o amor, a barca para as viaxes, o santo para a saúde e para a amizade, a sardiña para o alimento, a man para os estudos, a escaleira para o traballo, a coroa para a protección e a pomba para a paz.
Artesanía na Escola é un programa de divulgación impulsado pola Xunta dende o ano 2023 dirixido a achegarlle os oficios artesanais e os valores da artesanía aos nenos e nenas de colexios de toda Galicia. Entre os obxectivos deste programa está poñer en valor o produto feito á man e ao profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos; divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea; transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular; e, a longo prazo, atallar a remuda xeracional nos oficios artesanais.
O proxecto iniciouse coa unidade didáctica Eu son zoqueira, dedicada ao oficio dos zoqueiros a través da figura de Elena Ferro, responsable do taller Eferro (Merza, Vila de Cruces). A segunda das unidades didácticas, Eu son artesán de percusión tradicional, está protagonizada por Xosé Manuel Salvado Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela) e centrada na historia e elaboración dun dos instrumentos máis tradicionais de Galicia, a pandeireta.