O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou no Foro Territorio Rural Resiliente celebrado hoxe en Santiago de Compostela

A Xunta aposta pola colaboración público-privada como base da estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia e reflectida na Rede Ultreia

González destaca que a Rede Ultreia conta con preto de 140 entidades adheridas e anima a unirse ás interesadas co fin de compartir recursos, xerar sinerxías e evitar duplicidades na atención ao emprendemento

Fai fincapé no reforzo da Rede de polos como fío condutor da Estratexia —que o Goberno galego está a ultimar da man de todos os axentes implicados— para identificar oportunidades locais e orientar os proxectos do xeito máis adecuado

Refírese a outros aspectos clave nesta folla de ruta como a aposta pola remuda xeracional co foco posto no comercio, a atracción de talento emprendedor retornado, ou o reforzo do financiamento ao emprendemento territorial

Como accións autonómicas complementarias neste ámbito e co foco no rural salienta a nova orde de rehabilitación de vivendas para reforzar o emprego de sectores estratéxicos e iniciativas que apostan polo coliving a prol do emprendemento

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, salientou a importancia da colaboración público-privada para potenciar o ecosistema emprendedor ligado ao territorio galego. Nesta liña, sinalou que esa é a base da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, que a Xunta está a ultimar da man de todos os axentes implicados e que nace da designación da comunidade galega como Rexión Emprendedora Europea 2025. Esa colaboración, incidiu, está reflectida na Rede Ultreia, que será un dos eixos da estratexia.

Así o sinalou durante a parte final do Foro Territorio Rural Resiliente, celebrado hoxe en Santiago e organizado pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago (USC) coa colaboración da Fundación Roberto Rivas, a Fundación RIA e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. En relación coa Rede Ultreia, lembrou que a súa finalidade é compartir recursos, xerar sinerxías e evitar duplicidades na atención ao emprendemento e expuxo que, a día de hoxe, conta con preto de 140 entidades adheridas ao tempo que animou a aquelas interesadas a sumarse a ela.

Ademais desta ferramenta de colaboración, o conselleiro fixo fincapé noutros eixos da Estratexia destacando a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego como fío condutor. Esta rede conta con 15 oficinas distribuídas por toda Galicia e leva atendidos máis de 6.300 proxectos e contribuído á creación de arredor de 600 empresas. Unha ferramenta, subliñou, que se reforzará para identificar oportunidades locais e orientar os proxectos do xeito máis adecuado con apoios como unha oficina dixital única e equipos itinerantes para as zonas máis pequenas e rurais, así como un mapa de especialización comarcal que identificará os sectores tractores de cada zona.

Outros aspectos clave da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio aos que se referiu José González foron a aposta pola remuda xeracional co foco posto no comercio, a atracción de talento emprendedor retornado, o reforzo do financiamento ao emprendemento territorial e o pulo á cultura emprendedora.

Experiencia de Galicia e accións complementarias

Ademais, o conselleiro destacou a experiencia de Galicia no emprendemento e na creación de sinerxías entre distintas actividades, como por exemplo, a produción agroalimentaria e o turismo. Tamén puxo de relevo outras actuacións complementarias impulsadas pola Xunta neste ámbito para potenciar a fixación de poboación no rural.

Entre elas, a primeira orde de axudas dotada de 1,5 M€ para rehabilitar vivendas en en concellos de menos de 20.000 habitantes destinadas a traballadores co obxectivo de cubrir vacantes, ademais de fixar poboación no territorio e con prazo de solicitude aberto ata o próximo 15 de xullo. Tamén destacou iniciativas que apostan polo modelo de coliving a prol do emprendemento no rural como o proxecto Fixar, promovido pola Xunta en colaboración coa Asociación Cultural Sende para atraer nómades dixitais ao rural nos coliving de Sende (Lobeira, Ourense), Anceu, (Ponte Caldelas) e iSlow, Laxe (A Coruña) e que se afianzará este cunha nova edición.

A maiores, coa colaboración da Asociación Cultural Sende e de Anceu Coliving e neste caso tamén da Fundación RIA, estase a potenciar a iniciativa Muimenta Viva para activar un espazo coworking de convivencia, emprendemento e dinamización territorial na aldea de Muimenta. Deste proxecto está aberta a convocatoria para a selección dunha persoa encargada de dinamizar este espazo. A isto súmase, engadiu, o apoio ao colectivo de autónomos, así como ao cooperativismo e ao comercio como motores do emprendemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/05/2026