María José Gómez define o novo proxecto de Casa Grande de Xanceda como exemplo de innovación pegada ás raíces

A conselleira do Medio Rural valorou así a iniciativa desta empresa, que presentou hoxe a súa nova Kombuchería, na que elabora a kombucha de maneira artesanal, fermentada lentamente e producida integramente en Galicia

Puxo en valor a capacidade de Casa Grande de Xanceda para producir leite ecolóxico e para innovar con esta nova oferta “sempre co coidado do benestar animal, da terra e das persoas”

Comprometeu o apoio da Consellería a este tipo de proxectos e agradeceu o traballo dos seus promotores e a súa filosofía de dar un novo paso cara un fermentado “natural, saudable e con identidade propia”

Mesía (A Coruña), 2 de xuño de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo hoxe a Casa Grande de Xanceda como “claro exemplo de como se pode evolucionar sen perder a esencia” e tamén de “como é posible innovar mantendo as raíces”. Foi na presentación da nova Kombuchería posta en marcha por esta empresa nas súas instalacións de Mesía, un acto no que a conselleira estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

Na presentación, Gómez puxo en valor a capacidade de Casa Grande de Xanceda para producir leite ecolóxico e para innovar con esta bebida fermentada, a kombucha, “sempre co coidado do benestar animal, da terra e das persoas”. Por iso, comprometeu o apoio da Consellería a este tipo de iniciativas e agradeceu o traballo dos seus promotores e a súa filosofía de dar un novo paso cara este tipo de produtos, un fermentado “natural, saudable e con identidade propia”.

A conselleira afirmou que desde a Xunta “queremos acompañar proxectos coma este porque representan moi ben o que defendemos: un rural vivo, competitivo e innovador”. Nesta mesma liña, engadiu que a diversificación, a transformación dos produtos e a aposta pola innovación son claves para as que explotacións sigan sendo viables e para que a mocidade vexa oportunidades reais no territorio.

Asemade, segundo a conselleira, esta é unha forma de entender a produción alimentaria respectuosa co medio e baseada no coñecemento, na ciencia dos procesos naturais e tamén “na valentía de abrir camiños novos”. Concluíu que este tipo de iniciativas “non só xeran economía; xeran tamén orgullo do noso rural e do que somos quen de facer desde esa Galicia Calidade que tan ben nos representa”.

Nova kombuchería

Esta kombuchería de Casa Grande de Xanceda é unha nova instalación situada dentro do seu predio ecolóxico de 200 hectáreas. A súa creación permitiu recuperar unha antiga corte, transformándoa nun espazo moderno seguindo criterios de sustentabilidade e aproveitamento.

Nela elabórase kombucha de maneira artesanal, fermentada lentamente e producida integramente en Galicia. Ademais, está concibida como un lugar aberto e susceptible de ser visitado, enfocado tamén cara á divulgación do patrimonio natural e da paisaxe agraria galega.

Proxecto de interese autonómico

Cómpre lembrar, a maiores, que a Xunta publicou en decembro de 2025 no Diario Oficial de Galicia (DOG) a declaración como proxecto de interese autonómico (PIA) da ampliación de Casa Grande de Xanceda, unha medida aprobada pola Consellería do Medio Rural pola contribución da súas actividades ao sector agroalimentario e ao medio rural en xeral.

En concreto, a iniciativa inclúe a ampliación da fábrica de iogures e a construción dunha planta de biogás para o tratamento de xurros, en liña coa produción de enerxías renovables de autoconsumo. Trátase tamén de habilitar novas oficinas, unha aula natura e unha sala multiusos para as actividades turísticas e de formación que desenvolve a empresa, o que permitirá o redeseño da casa agraria do século XVII actualmente existente. Deste xeito, ampliaranse as instalacións -que abranguen 4.930 metros cadrados- con 9.701 metros cadrados máis, o que fará un total de 14.631 metros cadrados de industria láctea.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/06/2026