O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou en Ourense na clausura da Asemblea Xeral da Confederación Empresarial de Ourense (CEO)
A Xunta destaca as oportunidades para o tecido empresarial que abre a nova liña de axudas para rehabilitar vivendas para traballadores no rural
José González pon en valor o bo momento que atravesa o mercado laboral da provincia de Ourense, con 13.453 persoas no paro, o mellor maio desde que hai rexistros, e 109.185 cotizantes, o maior número neste mes desde 2008
Para consolidar esta evolución, destaca o compromiso da Xunta de seguir acompañando o tecido produtivo e a entidades como a CEO nos retos que afrontan, entre eles a formación, a cobertura de vacantes ou a mellora do benestar laboral
No relativo á atracción de talento, salienta a convocatoria conxunta das consellerías de Emprego e Vivenda que (1,5 M€) busca poñer a disposición de persoas contratadas en Galicia vivendas situadas en concellos de menos de 20.000 habitantes
Destaca que esta semana viaxará ao Brasil para participar na nova edición das feiras de emprego no exterior os días 6 e 8 en São Paulo e Salvador de Bahía para dar a coñecer as oportunidades de retorno e ferramentas como Retorna Cualifica Emprego
No ámbito comercial, destaca a boa acollida da Bonos Activa Comercio, con preto de 170.000 euros mobilizados en Ourense, e o protocolo asinado entre a Consellería e a Deputación para impulsar a renovación das prazas de abastos da provincia
Ourense, 2 de xuño de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe no acto de clausura da Asemblea Xeral da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), onde puxo en valor o bo momento que atravesa o mercado laboral tras rexistrar o mellor maio da serie histórica tanto en afiliacións, con 1.111.867 cotizantes á Seguridade Social, como en paro, con 109.355 persoas desempregadas. Esta tendencia tamén se reflicte en Ourense, que conta con 13.453 persoas no paro, o mellor maio desde que hai rexistros, e 109.185 afiliacións, o maior número nun mes de maio desde 2008.
Para a consecución destes resultados, subliñou a contribución do bo comportamento do tecido empresarial galego apoiado no dinamismo das empresas e de asociacións como a CEO que fan posible a creación de emprego real e de calidade na Comunidade e trasladou o compromiso da Xunta de acompañar o tecido produtivo nos principais retos que afronta, entre os que salientou a adaptación da formación para o emprego ás necesidades das empresas, a cobertura de vacantes, a atracción de talento, ou a mellora do benestar laboral e a redución do impacto do absentismo.
No eido da formación para o emprego, e no marco da ampla batería de medidas autonómicas neste campo, informou de que precisamente hoxe abriu o prazo de solicitude dos Bonos Talento Empresa, unha iniciativa dotada con 2,2 M€ destinada á posta en marcha de accións formativas non regradas e de curta duración —entre 16 e 100 horas—, adaptadas ás necesidades específicas de cada empresa e orientadas a mellorar os coñecementos e competencias dos seus cadros de persoal.
Atracción de talento ao rural
José González puxo en valor a nova orde conxunta das consellerías de Emprego e de Vivenda para favorecer a atracción de traballadores mediante a rehabilitación de vivendas en concellos de menos de 20.000 habitantes. As axudas, que poden solicitar empresas, persoas físicas ou xurídicas e concellos ata o vindeiro 15 de xullo, parten da consideración da vivenda como un factor clave para atraer e fixar talento cualificado, reforzando a dispoñibilidade de man de obra en sectores estratéxicos como o lácteo ou o agroandeiro.
Ademais, no marco do plan de atracción de talento da Xunta, con especial foco no retorno da diáspora, o conselleiro explicou que participará esta semana nunha nova edición das feiras de emprego no exterior que se celebrarán en São Paulo e Salvador de Bahía os días 6 e 8 de xuño. Estas citas servirán para dar a coñecer oportunidades de retorno a Galicia a través de iniciativas como o programa Retorna Cualifica Emprego, integrado na Estratexia Galicia Retorna e dotado con 2,3 M€ na súa edición 2026-2027.
Pulo ao comercio local
No ámbito comercial, González destacou a boa acollida da recente edición dos Bonos Activa Comercio, que mobilizaron preto de 170.000 euros na provincia de Ourense e contaron coa adhesión duns 900 establecementos, reforzando o comercio de proximidade.
Así mesmo, puxo en valor a aposta da Xunta pola modernización das prazas de abastos e a ampliación da Rede de Mercados Excelentes, que vén de motivar unha nova folla de ruta autonómica en colaboración coas entidades locais que prevé apoios de ata o 70 % para actuacións de mellora e modernización destes espazos co obxectivo de acadar 25 mercados distinguidos en Galicia en 2030. Nesta liña, lembrou o protocolo de colaboración asinado entre a Consellería e a Deputación de Ourense para impulsar a renovación das prazas de abastos da provincia, con iniciativas xa en marcha en concellos como O Carballiño e Xinzo de Limia, e remarcou de novo a man tendida ao concello de Ourense para desbloquear a situación da praza de abastos nº1.