A Xunta reforza o pulo á integración laboral das persoas con discapacidade e en risco de exclusión coas axudas de 2026 á contratación de persoal preparador
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria deste ano do programa de emprego con apoio, ao que se destinan 450.000 euros
As solicitudes de axuda poden presentarse desde o próximo xoves 11 de xuño ata o 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito dispoñible
En 2025 beneficiáronse deste programa 35 preparadores e preparadoras laborais, que apoiaron 82 persoas con discapacidade e en risco de exclusión nos seus postos de traballo na empresa ordinaria
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de 2026 do programa de emprego con apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Dotado con 450.000 euros, busca financiar os custos laborais derivados da contratación de persoal preparador que preste apoio a persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social no seu traballo nunha empresa ordinaria, co fin de favorecer a súa integración laboral. En concreto, prevese chegar a uns 35 preparadores e preparadoras laborais, para apoiar 80 persoas con discapacidade e en risco de exclusión nos seus postos de traballo.
Poden beneficiarse das achegas asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro, así como os centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral que subscriban o correspondente convenio de colaboración coa empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social beneficiarias das accións con apoio. Tamén poden optar as empresas e as persoas traballadoras autónomas.
Con estes apoios sufrágase ata o 100% do custo salarial da persoa preparadora nas seguintes contías: 11.083,33 euros anuais por cada persoa traballadora apoiada con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65% e 6.650 euros anuais nos mesmos casos anteriores, pero cando as persoas traballadoras conten cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33% e inferior ao 65%.
A cantidade anual será de 4.156,25 € por cada persoa traballadora apoiada con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65% e persoas xordas e con discapacidade auditiva, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33% e 1.625 euros anuais por cada persoa traballadora apoiada con capacidade intelectual límite.
Estas axudas terán un incremento do 25% acumulables entre si se a empresa radica nun concello rural, ou as persoas preparadoras laborais que se van contratar son maiores de 45 anos, mulleres, persoas trans ou emigrantes retornadas ou estranxeiras. O programa de emprego con apoio inclúe, ademais, apoios aos desprazamentos dos preparadores laborais das entidades que subscriban convenios de colaboración cun máximo de 2.500 euros de axuda por persoa preparadora.
O prazo de solicitude abrirase o próximo xoves 11 de xuño e estará vixente ata o 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito. Cómpre engadir que o ano pasado se beneficiaron deste programa 35 preparadores e preparadoras laborais, que apoiaron 82 persoas con discapacidade e en risco de exclusión nos seus postos de traballo na empresa ordinaria.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260604/AnuncioG0767-190526-0002_gl.html